Redacción . A TVG, tras a chegada do PP, emite a serie en inglés con subtítulos en galego, cando antes estaba no idioma propio do país. Iso malia que o programa está dirixido a nenos moi cativos, que non saben ler.
Nova sintonía dos Teletubbies na TVG, en inglés subtitulado.
A Ciberirmandade, colectivo cidadán a prol do galego nas novas tecnoloxías, asegura que “emitir contidos en inglés na TVG podería ser unha boa idea, xa que ofrece por unha banda a posibilidade de nos familiarizar coa lingua máis útil do planeta e por outra ofrécenos a oportunidade de gozar da voz real das actrices e actores”. Iso si, o grupo de activistas considera que “resulta sorprendente" que, como adiantara ANT, "na TVG eliminen o programa falado en galego con máis audiencia infantil, 'Os Teletubbies', para substituílo pola súa versión en inglés con subtítulos en galego, cando a franxa de idade deste programa son telespectadores de entre 1 e 2 anos que dificilmente entenderán os debuxos na lingua de Shakespeare, nin saberán ler os subtítulos na lingua dos Bolechas”. “Pódese realizar unha xestión televisiva máis absurda e galegófoba?” pregúntase a Ciberirmandade, que anima aos internautas a enviar a súa protesta aos xestores da TVG “lembrándolles cales son as súas obrigas con respecto ao fomento do idioma de noso entre a poboación máis nova do pais”. O colectivo de dobradores galegos xa protestou pola nova política de emitir series na TVG 2 en inglés, no lugar de aproveitar as dobraxes ao galego. Cómpre lembrar que coa TDT todos os programas xa se poden ver en versión orixinal.
Descargar Tarifas