Europa Press . As manifestacións de Queremos Galego nada teñen que ver co borrador de Decreto que diminúe o mínimo de galego nas aulas do 50 ao 33 por cento, segundo o responsábel da Política Lingüística da Xunta.
O Goberno autonómico non renunciará a ningunha das "bases" do novo “decreto do plurilingüismo” porque entende que está dirixido a unha "maioría silenciosa" en Galiza, segundo avanzou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. "Os principios básicos do documento son irrenunciables", sentenciou Lorenzo nunha entrevista coa Cadea SER, na que manifestou que en ningún caso se "cambiarán" as bases do decreto para chegar a un consenso cos sectores "máis extremistas" da sociedade galega. "É un decreto que facemos pensando na maioría da sociedade galega, non para asociacións extremistas nin para organizacións sectoriais", argumentou e asegurou non sentirse "sorprendido" polas críticas recibidas. "Creo que sorprendeu a unha parte da sociedade polas súas novidades e hai outra parte predisposta a poñerse en contra de calquera cousa que faga este Goberno", reflexionou. Ademais, rexeitou que a súa aplicación vaia supoñer un problema organizativo nos colexios, como apuntou o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, e puxo en dúbida que este "lera" as bases do decreto. Admitiu que se impulsa unha nova organización que vai requirir unha adaptación, pero subliñou que "dicir que é imposible que se poña en marcha, é moito dicir". A manifestación de Queremos Galego foi 'preventiva', segundo Lorenzo No transcurso da entrevista, Anxo Lorenzo insistiu en que a Xunta buscará aprobar un decreto que suscite "o máximo consenso social e político posible", pero matizou que a súa busca "non é só responsabilidade do Goberno, senón de todas as partes implicadas". Con esta premisa, reiterou que o paro xeral no ensino convocado pola plataforma 'Queremos galego' para o próximo 21 de xaneiro ten un carácter "preventivo" posto que --recordou-- foi organizado "antes de coñecer o documento". "É unha folga preventiva como tantas que se fixeron en 2009", dixo tras asegurar que a protesta non ten nada que ver co decreto.
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística.
Descargar Tarifas