Redacción . O acompañante humanoide ten capacidade de recoñecer caras e de poñer en marcha videoconferencias, móvese por toda a casa e desenvolve as funcións de teleasistencia máis completas mediante novas tecnoloxías, segundo presume a Universidade da Coruña.
A Universidade da Coruña asegura ser a única institución académica do Estado que participa no proxecto CompanionAble, enmarcado no VII Programa marco da Unión Europea, no que colaboran 18 institucións de 8 países e que conta cun investimento de 8 millóns de euros. Este proxecto desenvolve un sistema robótico de acompañamento e asistencia cognitiva integrada co obxectivo de mellorar a inclusión social e o coidado no fogar das persoas maiores con dependencia que sofren un deterioro cognitivo crónico. Deste xeito permitirase aos usuarios permanecer nos seus fogares durante o maior tempo posible. A característica única do proxecto reside na combinación dun acompañante humanoide robótico móbil nunha casa intelixente. Así sumaranse as vantaxes dun robot que poida desenvolver determinadas tarefas de asistencia e as do control domótico do domicilio. De feito, o Complexo Xerontolóxico La Milagrosa, vinculado á UDC e o único dedicado á atención a maiores que foi recoñecido polo Ministerio de Industria como centro de I+D+i, foi o elixido neste proxecto europeo para testar o robot e avaliar a súa eficacia, acadando moi bos resultados. Xa o próximo ano o sistema probarase en diversos hospitais e centros de maiores dos países que colaboran no proxecto. O acompañante humanoide ten capacidade de recoñecer caras e de poñer en marcha videoconferencias, móvese por toda a casa e desenvolve as funcións de teleasistencia máis completas mediante novas tecnoloxías, facilitando un seguimento continuo e integrado para detectar situacións de emerxencia. Ademais, incorpora ferramentas para mellorar a estimulación cognitiva dos receptores destes coidados, coa vantaxe de ofrecer este servizo en calquera lugar da casa, o que constituirá un beneficio e impacto importantes para as persoas que sofren soidade. A principal aportación da Universidade da Coruña a este proxecto son as aplicacións que incorporará o robot no relativo a estimulación cognitiva a través de numerosas actividades, a axenda médica, mediante a que os usuarios poderán obter información xeral sobre prevención de enfermidades, para realizar rehabilitacións en vivo, consultar a dispoñibilidade dos profesionais que a atenden, con horarios de consulta e posibilidade de concertar citas, así como establecer videoconferencias con eses profesionais para formular preguntas que se responden de inmediato, de maneira que se reducen os tempos e as listaxes de agarda ou as horas de consulta.
Robot CompanionAble, no que colabora a UDC
Este proxecto, no que diversas fundacións, empresas e universidades levan traballando dous anos, ten un prazo total de catro anos. Segundo indica o profesor José Carlos Millán Calenti, director do Grupo de Investigación en Xerontoloxía, actualmente existe xa un prototipo deste robot e estase abordando a fase de análise de resultados, un aspecto no que a Universidade da Coruña tamén di ser pioneira.
Descargar Tarifas