Redacción . A secretaria xeral do PP, María Dolores Cospedal, terá que ratificar perante un xuíz a denuncia pública que realizou o pasado mes de agosto na que aseguraba que ao seu partido lle constaba que desde as autoridades xudiciais e policiais se produciron escoitas telefónicas ilegais a persoas que 'non teñen nada que ver cos sumarios' abertos contra membros do seu partido e a destacados dirixentes da súa formación.
De Cospedal, número 2 do PP, acusa o Goberno de utilizar a Xustiza ao fío do caso Gürtel.
As acusacións vertidas polo Partido Popular o pasado verán contra o Goberno central empezan a suscitar os primeiros movementos xurídicos. O Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Madrid citou a secretaria xeral do PP, María Dolores Cospedal, a un acto de conciliación previo á demanda civil promovida por un colectivo de internautas, para que ratifique ou se retracte de acusar ao Goberno de espiar ilegalmente ao seu partido. Fontes próximas á plataforma cidadá que impulsou esta denuncia en Facebook, o xuíz citou a Cospedal para o 17 de febreiro.
O pasado mes de agosto, Cospedal afirmou que o seu partido tiña constancia de que se estaban producindo escoitas telefónicas ilegais a persoas que "non teñen nada que ver cos sumarios" e a destacados dirixentes estatais. Por mor desas declaracións, un grupo de internautas creou en Facebook a plataforma "Cospedal debe ser demandada por inxurias", promovida por algúns militantes do PSOE de Murcia, que presentou unha demanda civil contra a "número dous" do PP.
O concelleiro socialista na localidade murciana de Cehegín Carlos Rodríguez sinala na súa blog que a demanda civil obedece á "estratexia política posta en marcha polo Partido Popular de descrédito" do Estado democrático. A plataforma esixe un retracto público, "nos mesmos medios e formas, daquelas persoas que realizaron manifestacións claramente calumniosas contra as institucións elementais do Estado", no que considera "un abuso do dereito á liberdade de expresión".
Descargar Tarifas