Europa Press . Seis gandeiros de Xesteda e Queixas, dúas parroquias de Cerceda, planean crear unha cooperativa para comercializar de forma directa leite fresco e produtos de alto valor engadido como queixos e iogures. O seu obxectivo é vender o leite embotellado e sen pasteurizar, pero 'con todas as garantías', do mesmo xeito que se facía 'hai 30 ou 40 anos'.
En declaracións a Europa Press, un dos produtores lácteos implicados neste proxecto, Andrés Señarís, explicou que, ademais da creación dunha cooperativa, este grupo de gandeiros estuda constituír unha explotación comunitaria de terras, unha sociedade de utilización comunitaria da maquinaria agrícola (CUMA) e un centro de recría.
.
Coa primeira destas sociedades pretenden aglutinar as súas producións de millo, trigo e herba nunha única parcela, onde tamén se situarían os silos para alimentar ao gando. De igual modo, a constitución dunha cooperativa de utilización de maquinaria agrícola cubriría as necesidades da sociedade comercializadora de leite e produtos de alto valor engadido, que, en principio, estaría abastecida por entre 600 e 1.000 vacas.
Así mesmo, o centro de recría de tenreiros evitaríalles aos gandeiros ter que importar estes animais de Francia e outras comunidades autónomas. No entanto, Señarís sinalou que os produtores terán que adquirir estes animais e solicitarlle cota á Reserva Nacional.
Todas estas actuacións implicarán, segundo estimou nun primeiro cálculo provisional, un investimento que roldará os 3 millóns de euros. Os gandeiros contan, como indicou Señarís, con poder beneficiarse das distintas liñas de axuda da Administración galega e central ao considerar que o proxecto demostra "unha aposta pola profesionalización e a continuidade no sector". "En época de crise é o momento de investir porque ou abandonas ou tiras para diante", asegurou.
30.000 litros de leite fresco
As previsións iniciais deste grupo de gandeiros pasan por producir uns 30.000 litros de leite fresco que comercializarían directamente a través de estabelecementos tradicionais, aínda que Señarís explicou que todo dependerá das conclusións dun estudo de mercado que encargarán.
Así, incidiu en que o seu obxectivo é que o leite fresco, que sen pasteurizar debe ser consumido antes de tres días, poida comercializarse con diversos distintivos que avalen a súa trazabilidade e calidade –Galicia Calidade, Alimentos Tradicionais, ITQI e Letra Q.
Estes gandeiros tamén estudan producir, entre outras alternativas, queixos típicos doutras rexións de Europa que non se elaboran en Galiza e que, até a data, teñen que importarse. "Imos intentar producilos aquí e cremos que podemos evitar que sexan tan caros", apuntou á vez que sinalou que tratarán de que se comercialicen baixo algún tipo de distintivo que acredite a súa calidade e procedencia.
Os impulsores deste proxecto visitarán o vindeiro luns unha cooperativa de Vimianzo que puxo en marcha unha iniciativa de similares características no municipio hai uns meses.
Descargar Tarifas