Manuel Vilas . O DOG admite que as operadoras vencedoras do concurso teñen dereito a cobrar o que investiron en informes. Fontes do sector eólico consultadas por ANT explican que, como mínimo, as 29 beneficiadas pagaron a consultorías cinco millóns por redactar estudos ambientais e outra documentación dos parques.
Máis de cinco millóns en indemnizacións. Este é o mínimo que gastará a Xunta do PP por culpa da polémica derrogación eólica, que este luns faise firme mediante unha Resolución no DOG deste xoves. O Goberno admite que terá que pagar, pero só os trámites
Feixóo canda dous directivos de Feiraco, cooperativa que foi unha das grandes beneficiadas do concurso eólico do bipartito.
A nova Lei Eólica aprobada por urxencia recoñece que os beneficiados polo reparto do bipartito terán dereito a compensacións. Iso si, o Goberno estipula que só pagara “os gastos debidamente xustificados que resultasen imprescindíbeis na instrumentación da solicitude”. É dicir, a Xunta só recoñece que abonará o que gastaron as operadoras en redactar a súas ofertas para o bipartito.
Queda a vía aberta a reclamacións no xulgado por outros prexuízos. Aínda así, o custe global das indemnizacións dispárase debido ao elevado prezo de elaborar os proxectos eólicos.
60.000 euros en informes por cada un dos 80 parques
Por exemplo, segundo fontes do sector eólico consultadas por A Nosa Terra, o custe de cada plan empresarial ronda os 10.000 euros. Como co bipartito houbo 29 operadoras beneficiadas, só por este concepto resultan 290.000 euros en indemnizacións.
Estas 29 operadoras tiñan admitidos a trámite 80 parques. En cada un gastaron inicialmente 15.000 euros (en concepto de anteproxecto e memoria ambiental). Logo tiveron tres meses para presentar un proxecto de execución, proxecto de impacto ambiental, separatas e proxecto sectorial. Todo isto supón uns 45.000 euros por cada parque.
É dicir, que os trámites suman 4,8 millóns en documentación de parques; aos que hai que engadir os 290.000 en proxectos industriais. Montante global, máis de cinco millóns de euros.
Só as gañadoras poden reclamar compensacións?
Que empresas teñen dereito a pedir tal indemnización? En principio, só as 29 que gañaron o concurso do bipartito, a maioría delas empresas do país que xa están a reclamarlles as facturas ás consultorías e enxeñerías que lles redactaron as solicitudes. Con todo, tamén as compañías que ficaron de suplentes poderían demandar vía xudicial compensacións por un concurso da Xunta que a propia Admnistración anulou.
O PP confía en que se poidan reutilizar os informes
Economía xa adiantou que o novo canon eólico creado pola Lei do PP podería servir para pagar as indemnizacións. A Xunta presume que o imposto recadará 30 millóns ao ano, pero cómpre ter en conta que a patronal vaino recorrer na Xustiza. Ademais, este montante tamén debe compensar o 14 por cento de accións que a Xunta perdeu ao anular o reparto da antiga Consellaría de Industria (BNG).
Os conservadores contan con que algunhas empresas poidan reaproveitar os informes nos futuros novos concursos. Neste caso a Lei Eólica estipula que non haberá indemnizacións.
Iso si, aos empresarios abondaríalles presentarse usando con outra das súas compañías, ou cambiando algúns detalles na presentación das memorias, para alegar que a documentación é nova; mantendo así o dereito a cobrar pola vella.
Os gañadores do reparto do bipartito, anulado polo PP, foron Acciona Eólica Galicia (72,75 megawatios), Andavia Renovábeis (50), Aucosa Eólica (216), Cupa Renovábeis (118), Enel Unión Fenosa (15,1), Engasa (1,5), Enerxías Renovables de Galicia(142), Eólica Galenova (235), Eólicos Touriñán (15), Fergo Galicia Vento (22), Fisterra Eólica (174), Gamesa (42), Hidrofreixa Eólica (17,5), Inesgal (36), Montouto (20,25), Norvento Eólica (172,8), Norvento (21), NEO (125,7), Olivento (13,02), Proxecto Engadir (50), Puentegasa (173,4), Sistemas Energéticos Ortegal (24), Tablicia (6), Total Eólica (41,5), Ventauría Enerxía Rural (160,2), Vento Ártabro (76), Ventos Cooperativos (192), Ventos de Beitureira (8) e Viraventos (50).
Detrás destas sociedades están algúns dos empresarios máis importantes do país asi como, en menor medida, grandes compañías foráneas que xa operaban muíños en Galiza. O capital do fóra de Galiza controla máis do 90 por cento do sector, onde a luguesa Norvento, aliada con Caixa Galicia, é a única empresa relevante do país.
Descargar Tarifas