Redacción . Segundo publica hoxe na súa edición dixital o diario 'Público', a empresa organizadora do concerto de Bruce Springsteen o pasado 2 de agosto no Monte do Gozo, Big Tours SL, terá que pagar unha multa de 2,4 millóns de euros en resposta ás denuncias remitidas polo Concello de Santiago. Esta decisión podería marcar un antes e un despois nos dereitos dos consumidores e na organización deste tipo de actuacións.
A falta de accesos suficientes para as 38.700 persoas que adquiriran entradas, o atraso na apertura das portas, o mal acondicionamento do auditorio ao aire libre a a falta de dilixencia do persoal de seguridade, provocaron que o recital de Bruce Springsteen do 2 de agosto de 2009 no Monte do Gozo pasara á historia por todo menos pola súa vertente musical. Segundo sinala o Público, as denuncias presentadas polo Concello de Santiago ante o Instituto Galego de Consumo teñen polo momento consecuencias en forma de sanción económica para a empresa organizadora do evento. Big Tours SL, pertencente ao grupo Doctor Music, conta cun expediente sancionardor con multa de 2.400.000 euros. Polo momento, a notificación feita polo Instituto Galego de Consumo ten valor informativo pero marca o principio dun procedemento administrativo no que o denunciado debe expoñer as súas alegacións e que podería acabar nos tribunais se os denunciantes deciden continuar co procedemento pola vía legal.
Concerto de Bruce Springteen en Compostela.
Descargar Tarifas