Redacción . O ano novo chega con novidades literarias. Nas próximas semanas, Xerais publicará varios títulos nas súas coleccións literarias, de ensaio e universitarias. Entre as novelas, a nova proposta de Marcos Calveiro, que viaxa ao século XVIII, e de Teresa Moure, 'A intervención'.
Settecento é o título da última novela de Marcos Calveiro. Nesta ocasión, o autor viaxa ao século XVIII e propón unha conexión musical entre Veneza e Santiago de Compostela. Na colección de 'Narrativa' de Xerais tamén aparecerán A intervención, última novela de Teresa Moure e Bilbao-New York-Bilbao, de Kirmen Uribe, recente Premio Nacional Español de Narrativa. En canto a literatura xuvenil preséntase A paixón de Alexandra, de Xulio Ricardo Trigo e A viaxe do Ser, de Manuel Pérez de Lis. Tamén están a piques de saír nos andeis os poemarios (Retro)visor, de Antía Otero, e Lapidarias, de David Rodríguez. Non ficción O 2010 é o Ano Novoneyra e moitos serán os títulos sobre o autor courelao que se vaian publicando. Xa proximamente Xerais publicará Uxío Novoneyra revisitado, de Xosé Lois García, blogueiro en A Nosa Terra Diario. Ademais, reeditarase a obra Os Eidos. Na colección de 'Crónica' aparecen os novos libros de Luísa Castro, Melancolía de sofá e o volume Feministas galegas, unha revolución en marcha, de Mónica Bar. Actualízanse as edicións de dous obras cruciais de Ramón Cabanillas, Samos e No desterro. Anxo Angueira publica o ensaio A espiral no espello e Xosé Ramón Freixeiro Mato Lingua de calidade. Co gallo do Xacobeo 2010 publícase a Guía do Camiño de Santiago, de Antón Pombo. Tamén se publicarán o segundo volume de O segundo sexo, de Simone de Beauvoir e os traballos de George Steiner publicados en The New Yorker.
Marcos S. Calveiro.
Descargar Tarifas