PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Pero agora considera que ‘está centrado en Galiza’
Rueda recoñece a proxección estatal de Feixóo

Europa Press O Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, recoñece a proxección estatal do seu xefe de filas, Alberte Núñez Feixóo, pero asegura que arestora ‘o ve moi centrado en Galiza’.

Reloxo 03.01.2010 | 17:35
TAGS: Rueda , caixas , Feixóo , xustiza ,

Alfonso Rueda, conselleiro de Presidencia Alfonso Rueda, conselleiro de Presidencia. Pepe Ferrín/AGN

Ademais, Alfonso Rueda asegura que os 17 vehículos marca Audi que seguen no garaxe da Xunta tras a poxa celebrada en outubro –na que só se venderon tres dos 20 incluídos– sairán de San Caetano en breve, xa que se ofertarán como parte do prezo doutros vehículo.

"Conforme se vaia renovando o parque móbil da Administración, iranse indo eses coches porque non os queremos", proclama Rueda nunha entrevista concedida a Europa Press, en referencia aos Audi utilizados polos membros do Goberno bipartito, que centraron boa parte das críticas dos 'populares' na última campaña electoral. Segundo explica, a súa alienación será "transparente e paulatina" xa que se utilizarán para abaratar o custo doutros vehículos "necesarios", aínda que se descarta a compra de novos coches para uso de altos cargos porque "hai de sobra".

Convencido de que "se poden utilizar coches igual de dignos e moito máis baratos de manter", o titular de Presidencia admite que a anterior poxa non tivo demasiado éxito e o atribúe á "novidade" do sistema. "Pero non hai problema, porque imos acometer un plan de renovación do parque móbil –que se aprobará no primeiro Consello do ano– e se irán canto antes", engade e amósase satisfeito da actuación do seu departamento neste asunto. "Os tres blindados permutáronse polas súas características e para os outros 20 eliximos o proceso máis transparente, que seguiremos explicando paso a paso," apostila.

'Hai presidente da Xunta para rato'

Oito meses despois de ser nomeado conselleiro, o número dous de Alberte Núñez Feixóo na Xunta e no PPdeG fixo un bo balance do traballo feito, con especial atención ás medidas económicas adoptadas e a unidade do equipo. "Ninguén ten dúbidas de que hai un só Goberno e un só presidente", presume Rueda, quen presidiu en decembro un consello de la Xunta en substitución do xefe do Executivo cando esta se atopaba de viaxe en Sudamérica.

"É unha experiencia moi bonita", explica para engadir que, fóra desa impresión persoal, o máis significativo é que "non xerou o morbo nin os conflitos" rexistrados na pasada lexislatura cando o entón vicepresidente Anxo Quintana (do BNG) substituíu ao socialista Emilio Pérez Touriño. "Non demos que falar e iso é unha proba de que a Xunta funciona con normalidade porque o presidente pode ser substituído unha semana sen ningún problema", argumenta.

Malia as voces que proclaman a súa boa situación de partida ante un eventual relevo á fronte da Xunta, Rueda asegura que actualmente "ninguén se formula relevos" na Administración, onde "cada un se dedica á súa parcela e ten bastante". Augura que "hai presidente da Xunta para rato e se chama Feixóo", aínda que recoñece a súa proxección estatal. "É un dos grandes referentes do PP dentro dos presidentes autonómicos, pero véxoo moi centrado en Galiza", dixo.

Autogoberno e xustiza

A defensa do autogoberno e incrementar as competencias son dous dos obxectivos que se marca o titular de Presidencia para o ano recén inaugurado. "Pola nosa parte hai unha vontade clara, espero que tamén por parte do Goberno e verémolo en xaneiro", indica tras recordar que a Xunta urxiulle ao Executivo de Zapatero a negociar un paquete de 17 transferencias, das que "algunhas xa están moi avanzadas e poderían empezar a executarse no 2010".

Nesta conxuntura, Alfonso Rueda resalta que 2011 podería ser o momento de "formularse novas reivindicacións de transferencias", aínda que avoga por ser "realistas" e insiste en que se deu o paso de solicitar as 17 que agora mesmo están sobre a mesa tras "unha análise rigorosa do que Galiza necesita xestionar directamente". "Non pretendemos lanzar ningunha luva ao Goberno nin hai ningunha intencionalidade política de reto dun Executivo a outro", garante.

No ámbito xudicial, o titular de Presidencia avoga por "ir da man" co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que sostén que en Galiza son necesarios 36 órganos xudiciais. "Acábannos de conceder 13, pero eu quedo co número 36, se o logramos nesta lexislatura pois dariamos un paso importante para desatascar o colapso xudicial", sinala.

Policía autonómica e Lei de Caixas

Respecto ao desenvolvemento pendente da Policía autonómica, Alfonso Rueda explica que tras calcular o seu custo, "algo que ninguén fixera", se determinou que non é unha prioridade. "Sen renunciar a ela, pode esperar", sentencia e recorda que existe unha unidade de Policía adscrita á comunidade para a que a Xunta seguirá demandando "os 500 efectivos comprometidos dende o principio para facer o seu labor".

No canto a reforma da lei de caixas, o conselleiro de Presidencia critica con dureza a actitude do PSdeG. "Se alguén pensaba que o señor Manuel Vázquez tiña un mínimo de coherencia nos asuntos que interesan a Galiza, creo que quedou moi claro que non", denuncia en relación ás "contradicións" do líder dos socialistas galegos, "de quen todo o mundo coñece a súa urxencia inicial, que logo cambiou pola actitude contraditoria dos seus alcaldes e o recado que parece recibir de Ferraz". Fronte a iso, sinala que "todo o que hai que achacar en negativo ao PSdeG", hai que recoñecerllo ao BNG "como unha actitude coherente, de sentido de país".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río