PUBLICIDADE
Xoves, 09 de setembro de 2010
Deputado do BNG
Lobeira: ‘Non negociaremos nada por baixo do 50% de galego'

Manuel Vilas O despacho do deputado Bieito Lobeira impresiona. Os informes acumúlanse en moreas de medio metro nun equilibro tan creativo como precario. Síntoma da frenética actividade (487 iniciativas en oito meses) do voceiro do BNG en eidos como lingua e pesca. Malia ter só 41 anos, este marinense leva 16 no Parlamento, o que o converte nun dos deputados con maior experiencia. Tamén é o máis temido pola Xunta pola virulencia das súas intervencións. Na súa opinión, non é o intre de formas amábeis ante o avance dos sectores máis 'xenófobos' do PP.

Reloxo 03.01.2010 | 12:12

Bieito Lobeira, deputado do BNG Bieito Lobeira, deputado do BNG. Jessica Barcala/AGN

O conselleiro de Presidencia dixo que o BNG obrigou incluso a ir aos partidos da selección...

O PP está a utilizar unha mentira monumental de xeito compulsivo. Calquera tipo de defensa que un faga do propio, ben sexa a lingua, ben sexa os nosos símbolos, como no caso das seleccións galegas, faise a través da imposición e da obriga. E todo o que signifique desgaleguización e renuncia ao propio, pois é sinónimo de liberdade. Esa é unha ecuación perversa...

Pode ser perverso pero funciona, polo menos a nivel de fixar sobre que falan os medios...

A maioría dos medios, agás honrosas excepcións, manteñen esas teses. Son medios de comunicación perfectamente subsidiados dende o poder político, de xeito millonario ademais, que son quen de modificar o seu discurso en función do que lles manda o PP. Isto ten resultados terroríficos, pero afortunadamente hai unha parte da sociedade que non cre as mentiras.

Necesitaría o BNG moderar as formas do seu discurso para paliar a falacia da imposición?

Eu son dos que cre que o nacionalismo debe ser mesmo máis incisivo. En Galiza non temos bilingüismo nin temos que defender o bilingüismo, o que hai é un proceso de substitución dunha lingua por outra. Ou lle facemos fronte con todas as consecuencias na mobilización social ou estes señores van ir gañando batallas. O nacionalismo debe manter eses principios, porque se non o facemos nós non o vai facer ninguén.

Coñeceu o BNG o borrador de Decreto do Galego nas aulas antes da súa presentación?

Non se puxeron en contacto para negociar nada, a diferencia do que pasou na lexislatura pasada, na que houbo interlocución cos grupos parlamentarios e a comunidade educativa.

A Xunta di que aposta por tres idiomas...

Hai a intención de maquillar a realidade cun suposto trilingüismo, que é irreal porque a docencia non está en condicións de impartir aulas en inglés. Todo isto é un intento de reducir dun xeito estético a presenza do galego e de provocar que sexa entendido socialmente como un idioma inútil, un dialecto que non vale nin para o ensino, nin para a administración, nin para nada. Iso si, baixo un argumento supostamente progresista, que é a introdución do inglés.

Negociará o BNG para recuperar ese consenso como reclama Feixóo?

O consenso previo non era o Decreto de 1995 de Fraga, un texto ademais incumprido, que establecía un 33% de galego fóra das troncais... Para nós o consenso dáse en 2004 e foi de mínimos, aínda que para o PP fose de máximos. Trátase do Plan de Normalización Lingüística cun mínimo do 50%, algo que tampouco é a lexislación máis avanzada do Estado Español. Todo o que baixe de aí, para nós é innegociábel.

Non cre que o PSdeG si negociará por debaixo da porcentaxe vixente?

Tentaremos que a oposición teña unha fronte común, iso é bo para o galego. Pero somos conscientes de que o PSdeG non é o Partido Socialista de Cataluña. Agás persoas concretas, é unha sucursal das teses máis xacobinas do PSOE estatal. Por exemplo, a toponimia na Coruña ou o feito de que algúns deles fixeron valer tamén a tese da imposición. O PSOE móvese en termos puramente electorais. Decatáronse de que a lingua desatou unha gran resposta social polo que conxunturalmente apóiana, mais non por convicción.

Que lle parece que parlamentarios do PP como Pedro Arias usen o español no Hórreo?

O único caso antes era o de Castelao Bragaña (PP), que viña da emigración e aínda así lía primeiro en galego e na réplica pasábase ás veces ao español; pero non con esa intencionalidade política calculada do PP actual. Queren demostrar que renegan do galego mesmo en termos simbólicos. Na Cámara estabamos acostumados a un comportamento de mínimos, que usaran o galego aínda que fóra falasen español. Agora non o fan porque prefiren a palmada dos seus amos de Madrid, os sectores máis reaccionarios, antigalegos e xenófobos do PP; antes de presentaranse como defensores do seu.

Tamén é voceiro de pesca. Que pasou co porto de Massó en Cangas?

Moitas veces atopámonos coa política de feitos consumados. Por exemplo, o Porto de Marín provocou danos irreparábeis sobre os bancos marisqueiros... Agora hai 300.000 m2 de aterrado que segundo sentenza, firme e non recorríbel, hai que retornar á situación anterior; o que é, como mínimo, complexo tecnicamente. É produto da política do PP de tirar para adiante, de actuar en defensa dos intereses empresariais. Esa tamén é a política que utilizan en Cangas, onde a Autoridade Portuaria de Vigo de Corina Porro (PP), acaba de renovarlle a concesión das obras. Nós polo menos temos a conciencia tranquila. O BNG foi a única forza que se opuxo no seu día ao Porto de Marín e aos depósitos do Ferrazo en Vilagarcía...

Pero en Cangas o concello está encabezado polo Bloque...

Fronte a intoxicación, que nos consta que existe, o Concello fixo o que tiña que facer, mesmo forzando a legalidade, con sinais de tráfico que impiden que as obras se fagan por terra. Lamentabelmente a lámina de mar, guste ou non, compételle a Autoridade Portuaria.

Despois da apertada Asemblea deste ano, o BNG logrou manter un discurso único cara fóra?

Na situación que padecemos ten que prevalecer a unidade de acción do nacionalismo. Calquera proxecto nacionalista é viábel só en termos de cohesión, respectando a pluralidade ideolóxica. O nacionalismo é o que é en Galiza, pintamos o que pintamos socialmente, que non é algo menor, pero enfrontámonos a tempos moi duros e haino que facer unidos, senón ao país e ao BNG espéralle un futuro difícil.

Debería haber unha nova Asemblea este ano?

Son moi respectuoso coas decisións internas e defendo ese mal chamado hermetismo. A quen me debo eu é a militancia, moi por riba da miña opinión persoal.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río