PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Borrador do decreto do galego no ensino
Redución do galego ao 33% coa escusa do inglés

Manuel Vilas O Goberno admite que non hai mestres abondo para impartir un 33% das clases en inglés. Porén, esta lingua estranxeira gozará do mesmo status que galego e español nas aulas.

Reloxo 30.12.2009 | 21:06

Alberte Núñez Feixóo, en rolda de prensa. AGN Esquerda   1 / 2  Dereita  

“Un equilibrio entre o galego e o castelán e unha terceira lingua”. Este é “obxectivo final” do polémico borrador de decreto da lingua no ensino que presentou o presidente da Xunta a última hora en Santiago.

É “obxectivo final” porque o propio Goberno admite que non está en condicións de cumprilo, pois non hai profesores abondo para dar tantas clases en inglés. É máis, o conselleiro de Educación non se atreve nin a fixar un prazo de cando se poderá aplicar plenamente. Iso si, mentres forma profesores en linguas estranxeiras, o Executivo promete que galego e castelán terán as mesmas horas.

Con todo, serán os pais quen decidan que materias prefiren en galego e cales en castelán, sempre garantindo a igualdade no número de horas entre os idiomas oficiais.

Isto aplicarase a todos os cursos salvo Primaria. Os máis cativos aprenderán a ler na lingua que decidan a maioría dos pais no sobre de matrícula, pero a consellaría de Educación promete que se garantirá sempre o coñecemento da outra lingua.

O conselleiro de Educación negouse a estimar un prazo de cando a Xunta poderá cumprir co 33% de horas en inglés. Preguntado que sentido ten que a Xunta aprobe un decreto que non está en condicións de cumprir, Xesúz Vázquez argumentou que “o papel do Goberno é gobernar”.

Tanto Vázquez como Alberte Nuñez Feixóo teimaron en que o texto vixente “abría a porta ao monolingüismo” e a imposición do idioma. Porén, a súa nova norma é a do “pluriligüismo” e a liberdade.

O texto adiantado a piques de rematar o prazo fixado polo Presidente substituirá a norma vixente, aprobada polo bipartito co respaldo da práctica totalidade de asocacións de pais, profesores e alumnos. O Decreto actual fixa nun 50% o mínimo de clases en galego.

Feixóo cumpre con Galicia Bilingüe en Infantil e deseña referendos cada catro anos no resto de etapas

O Goberno promete que en Educación Infantil, o profesorado usará na aula a lingua predominante entre o alumnado e coidará que adquira o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. Iso si, as lingua predominante do alumnado determinarase preguntándolle a cada familia pola lingua materna do seu fillo ou filla. Esta consulta farase mediante unha pregunta que as familias contestarán anualmente durante o proceso de preinscripción, explica un comunicado da Xunta.

Cómpre ter en conta que Galicia Bilingüe, a organización contraria a normalización, lanzou unha campaña para recordarlle a Feixóo a súa promesa electoral de que os pais escollesen lingua vehicular no sobre das matrículas.
Na Educación Primaria, na ESO e no Bacharelato “garantirase a adquisición da competencia lingüística nas dúas linguas oficiais de Galicia e potenciarase a adquisición dunha competencia efectiva en lingua(s) estranxeira(s), principalmente en inglés”.

Os conservadores aspiran a que un terzo das horas semanais se oferte en galego e outro terzo en castelán. “Prevese que o terzo restante se poida impartir en lingua(s) estranxeira(s)”, indica o Goberno ante a falta de profesores que hoxe falen esta lingua. O Executivo asegura que “na medida en que os centros non dispoñan de recursos humanos para ofertar un terzo das horas en lingua estranxeira, estas distribuiranse de forma equilibrada nas dúas linguas oficiais”.

Referendo nas escolas cada catro anos

Como decidirán os pais as materias que prefiren en galego e castelán? A Xunta promete que “para a definición da distribución lingüística das materiais nestas etapas (Primaria, ESO e Bacharelato) terase en conta a opinión que expresen as familias a través dunha consulta que se realizará cada catro anos e que orientará a repartición horaria”.

Xesús Vázquez asegura que non se lle preguntará aos pais por outras cuestións que non sexan a lingua. Ademais, o conselleiro cre que isto non vulnera a recente sentenza do Supremo, contraria a que os pais escollan a lingua nas aulas.

A Xunta indica que en Primaria, que ten 25 horas semanais, “a opinión maioritaria das familias será vinculante para determinar a lingua vehicular das materias instrumentais –Coñecemento do Medio e Matemáticas– (ata 10 horas semanais), que serán unha en galego e outra en castelán”.

Na ESO, que conta con 32 horas semanais, as familias decidirán en que lingua oficial se imparten as materias de Ciencias Sociais e Matemáticas, que suman ata sete horas semanais. No resto das materias, “será o Consello Escolar quen aprobe unha proposta horaria equilibrada, tendo en conta a opinión das familias”.

O Goberno insiste en que no Bacharelato e na formación profesional específica, nas ensinanzas artísticas e nas deportivas, cada centro educativo aprobará no seu Consello Escolar, escoitando a opinión maioritaria das familias, unha oferta lingüística equilibrada de materias.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río