PUBLICIDADE
Martes, 16 de marzo de 2010
Un ano de libros recomendábeis
Os rostros das letras do 2009

Redacción .  Xuntamos dez retratos de escritoras e escritores que no 2009 estiveron de actualidade por diversas razóns. Libros premiados, carreiras recoñecidas e aplauso de crítica e lectores.

Reloxo 31.12.2009 | 20:00

Rosa Aneiros converteuse na autora "pichichi" do ano ao gañar na mesma tarde dous premios: o Xerais e o Fundación Caixa Galicia, con Sol de inverno e Ás de bolboreta, respectivamente. A autora de Ferrolterra confirmou no 2009 que é unha das escritoras de referencia da nova fornada de narradores en galego.

O outro gran premio en galego, o 'Blanco Amor', gañouno Luís Rei Núñez con Montelouro (Xerais). O pontevedrés construíu unha historia con alento clásico que é retrato da vida de moitos galegos no século XX.

Carlos G. Reigosa fíxose co 'Torrente Ballester' 2008 cunha novela que viu a luz neste ano, A vida do outro (Xerais). Este premio confirma a traxectoria do xornalista, en ascenso continuo desde hai case 30 anos.

O premio 'Lueiro Rei' do 2009 foi para Areaquente (Sotelo Blanco), de An Alfaya. A escritora viguesa demostra ser unha das voces máis firmes do panorama literario galego, cunha gran regularidade editorial.

Manuel Rivas entrou no 2009 na Real Academia Galega. O ano que remata foi para el o da súa consolidación como voz preferente no xornalismo literario, na análise da realidade galega. Recente nos andeis está o seu Episodios galegos (Xerais).

Volveu escribir despois de varios anos Xelís de Toro. O seu Riofero (Xerais) é unha novela de aventuras cunha localización ambigua e unha traxedia oculta.

O gran supervendas galego do 2009 na ficción foi Domingos Villar. A volta do detective Leo Caldas en A praia dos afogados (Galaxia). A acción desenvólvese desta volta en Nigrán e mantén os mesmos vimbios que fascinan os seus lectores.

Outro autor con selo de éxito entre os lectores é Jaureguizar. O lucense conta por goles todos os títulos que publica: O contador de estrelas (Alfaguara Obradoiro) esgotouse nas librarías.

María Reimóndez levounos no 2009 de paseo polas Antillas. Pirata (Xerais) foi unha das revelacións do ano e obriga a crítica e os lectores a estaren atentos ás evolucións da súa narrativa.

E por último, poesía. Secesión (Galaxia) é a porta de entrada ao universo de Chus Pato, unha das voces máis orixinais e máis firmes das letras galegas.

Rosa Aneiros
Luís Rei Núñez
Carlos G. Reigosa
An Alfaya
Manuel Rivas
María Reimóndez
Domingos Villar
Xelís de Toro
Jaureguizar
Chus Pato
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río