Redacción . A plataforma cidadá Queremos Galego convoca unha 'concentración de urxencia' na praza do Obradoiro para mañá, mércores 30 de decembro, ás 17h00 ante 'a política galegófoba do actual goberno da Xunta' e como resposta ao anunciado decreto contra a presenza do idioma de Galiza no sistema educativo.
Queremos Galego denuncia que “o PP quere que a maior agresión ao noso idioma en toda a etapa democrática pase desapercibida e sen resposta”. Así, sinala que o goberno de Núñez Feixóo “vai facer esta presentación do contradecreto nun período vacacional e na véspera dun festivo para os medios de comunicación, como xeito de tentar evitar a reacción das comunidades educativas. Porque este goberno sabe, sobre todo despois das inmensas mobilizacións do 17 de maio e do 18 de outubro, que non conta co respaldo nin da maioría do estudantado, nin das familias, nin do profesorado, nin do conxunto da sociedade”.
Fotografía da manifestación do 18 de outubro.
A este respecto, a plataforma indica que “a pesar de toda a arrogancia e prepotencia que o presidente da Xunta amosa contra o galego, debería lembrar que nas eleccións autonómicas obtivo menos votos que a suma dos respaldos conseguidos polo PSOE e o BNG”. “Escoitar a sociedade e ser un pouco humilde son características imprescindíbeis nun gobernante serio e construtivo”, apunta.
Política educativa contra o galego
A plataforma lembra que o inminente “contradecreto” é “a culminación dunha política educativa contra o galego que xa é visíbel nos centros de ensino neste curso”: “o decreto de infantil, a destrución do modelo das Galescolas eloxiado internacionalmente, a neglixencia á hora de facer cumprir a lexislación agora en vigor e as declaracións contra o galego por parte dos actuais responsábeis da Xunta, creando un clima de crispación, enfrontamento e maior minorización do galego”.
Queremos Galego, colectivo conformado por máis de 600 entidades, defende a aplicación no sistema educativo dos acordos sobre lingua aos que se chegou por consenso nos foros democráticos de representación, en concreto a Lei de normalización lingüística, o Plan xeral de normalización da lingua galega e a Carta europea das linguas.
Descargar Tarifas