PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Doenza 'moi preocupante entre os nenos'
A USC estuda solucións terapéuticas á obesidade

Redacción .  Investigadores da Universidade de Santiago (USC) estudan posíbeis dianas terapéuticas para axudar no tratamento da obesidade, unha enfermidade que os médicos consideran 'moi preocupante' no país entre os nenos.

Reloxo 28.12.2009 | 12:47

Así o explicou hoxe o catedrático da USC Carlos Diéguez González, que coordina o Grupo de Investigacións Biomédicas da Facultade de Medicina, que desde hai máis de dez anos investiga mecanismos de regulación da inxesta e do peso corporal.

"O noso traballo ten como obxectivo principal buscar e identificar posíbeis dianas terapéuticas que poidan axudar no tratamento da obesidade", sostivo Diéguez.

A investigación, na que participan máis de 20 investigadores, busca identificar novos mecanismos a nivel hipotalámico que sexan susceptíbeis de poder ser influenciados a través de fármacos novos ou xa existentes. Céntrase, ademais, no estudo daqueloutros mecanismos que crean adicción á comida ou algúns compoñentes da dieta.

O coordinador do proxecto insistiu en que o último punto "é esencial" porque "en moitos casos a inxesta prodúcese debido ao efecto pracenteiro que provocan determinados alimentos".

Grelina

Actualmente, o grupo de investigadores traballa nunha determinada molécula, a grelina, como un dos posíbeis mecanismos que provocan o aumento da inxesta. Ademais, colaboran con diferentes industrias para testar as posíbeis dianas terapéuticas.

"Queremos conseguir que no futuro haxa novos fármacos que, polo menos, diminúan o risco cardiovascular", afirmou Carlos Diéguez e engadiu que así pretenden "mellorar o perfil lipídico e outros factores que fan que os pacientes teñan menos esperanza de vida".

Así mesmo, o coordinador do proxecto resaltou que se trata dunha investigación levada a cabo por novas promesas, entre eles Miguel López e Rubén Nogueiras, gañadores do premio aos mellores investigadores novos que concede a Sociedade Europea de Obesidade.

Prevención

En canto á situación da obesidade en Galiza, reiterou Diéguez que en menores no país supera a media estatal. "Houbo un incremento debido á alimentación inapropiada e a vida sedentaria de moitos nenos", aseverou.

Por iso, considerou que hai que previr de forma "sinxela" esta situación, fomentando a diminución da inxesta e aumentando o exercicio físico.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río