Redacción . O vindeiro mércores, 30 de decembro, a produtora Lugopress estrea o documental 'Hitler, Garbo...e Araceli' sobre o papel xogado por unha muller natural de Santa María Magdalena de Coeses (Lugo) na operación de espionaxe 'Fortitude Sur'. O acto será no salón de actos da Deputación de Lugo ás 20h00.
Este documental, dirixido por Xosé de Cora, descobre o papel fundamental protagonizado por unha muller galega, Araceli González Carballo, natural de Santa María Magdalena de Coeses, na operación Fortitude Sur, o máis famoso engano de espionaxe de todos os tempos que tiña como obxectivo confundir aos planos de III Reich. Grazas a esta operación foi posíbel o desembarco de Normandía con éxito e a posterior toma de París para acelerar a fin da II Guerra Mundial. Foi esta muller a que conseguiu que os Estados Unidos tiveran en conta as informacións de Pujol e desa maneira convertelo no axente británico máis valorado dos aliados para encarar con garantías o desembarco de Normandía. O documental emitirase na G2 da TVG o 6 xaneiro ás 22h00, a 1ª parte: Unha rapaza de Lugo / Operación Normandía. E o 13 xaneiro ás 22h00 h, a 2ªparte: Os anos con Kreisler / O regreso de Juan Pujol. Na TVG emitirase o 11 de xaneiro ás 00h30 e o 18 de xaneiro á mesma hora.
Araceli González Carballo estaba casada co coñecido espía Garbo, Juan Pujol García, cuxa documentación permaneceu baixo consideración de Top Secret por parte do MI5 británico até 1999.
Pioneira do galerismo madrileño, foi a mellor embaixadora dos artistas galegos na capital, aínda que ningún deles chegara a sospeitar xamais que aquela simpática e falangueira muller fose determinante na caída de Hitler.
Tampouco ela pode imaxinar que corenta anos despois da fin da guerra, cando daba a seu esposo por morto, Juan Pujol volvería do pasado para recibir a medalla da Orden do Imperio Británico.
O documental conta, entre outros, coas seguintes testemuñas de Juan e Eugenia Kreisler, fillos de Juan Pujol e Araceli; Fernando González Vila, deputado e sobriño de Araceli; Tamara e Araceli Kreisler, netas de Pujol e Araceli; Nigel West, descubridor de Garbo en 1984; Javier Juárez, biógrafo de Juan Pujol; Xosé Vázquez Cereixo, pintor galego.
Emisión na TVG
Descargar Tarifas