PUBLICIDADE
Xoves, 18 de marzo de 2010
BLOG XURXO ESTEVEZ
Xurxo
Estevez
Andate via, Signore Polanco, andate via
 27.12.2009 | 18:20

Polanco na rúa Polanco na rúa

Ten razón o director de ANT cando critica aos que imos por aí anunciando a fin do mundo. Pero ven como non íamos tan desencamiñados? Durmía eu tan pancho na miña camiña acó en Lisboa e: -Zas!, un terremoto de intensidade 6, e iso que aínda non encheron nin a metade do lago das Pontes e tamén non mutou -só un pouco- o virus da gripe. E que ten a ver a gripe co terremoto, diredes? Co terremoto nada, pero coa fin do mundo...

Para defenderse do que se nos poida vir encima, o grupo PRISA andou axiña e refundiu as súas accións coas de Silvio Berlusconi, e iso que Il Cavaliere estaba tamén encamado, aínda que en Italia non se sentiu o tremor da terra. Foi un golpe en plena cara aos telespectadores progresistas, ansiosos por saber como afectará aos contidos esa absorción, perdón, fusión entre TELECINCO e CUATRO.

Coido que aos xornalistas do grupo tampouco lles fará moita gracias que Il Capo pase a ser o seu patrón, despois do titular do 5-6-09 que anunciaba que “Berlusconi denunciará a el país por publicar fotos de sus fiestas”. Se tanto rifaban en xuño, porque se fixeron socios en decembro? Seica PRISA tiña unha débeda de 5.000 millóns de euros e o creto de 1.950 millóns que subscribiu en marzo vence dentro de tres meses!

PRISA tiña unhas expectativas co reparto das TDT que non se cumpriu, e desde aquela a súa maraña mediática puxo en marcha un calculado movemento de presión sobre ZP, ao que acusa de erguer outro grupo mediático alternativo. E non lles falta razón, parvo sería ZP se non aproveitase o seu paso polos despachos para impulsar a súa propia fábrica de opinión pública e negocio.

Na próxima oportunidade de goberno, o nacionalismo galego debería tomar nota e aplicarse o conto. Segundo a análise de Fermín Bouza na edición dixital de A Nosa Terra, perdéronse as eleicións por un puñado de votos, resultado da campaña mediática de La Voz e outros co famoso tema do Audi e do iate. Compre usar todos os resortes legais ao noso alcance para superar a eiva da carencia duns meios de comunicación propios. Mas ímolo deixar por aquí, a eiva é outro deses temas que se nos infiltran con frecuencia entre as curvas deste post en espiral.

Os bichos, como é sabido, teñen a capacidade de presentir cando está por vir un tsunami ou terremoto, e foxen axiña. Esta recente “desafección” cos socialistas gobernantes responde á necesidade de non por os ovos todos dentro do mesmo cesto, como recomendaban os noso avós. Alén diso, ao Sr. Polanco encántanlle as cruzadas. Aos demoños exteriores árabes, centro e sudamericanos, chineses e rusos, crécenlle tamén outros trasnos locais pois, despois de constatar que “o 79% afirman que Cataluña non é unha nación”, como publicaba “El País” a raíz dunha desas enquisas que entre eles guisan e cocen, veñen os cataláns non con un referendo independentista, non, veñen con 166 referendos! E, por se fora pouco, hai un tema balompédico que os pon dos nervios. Védeo en TELECINCO, para mais escarnio:

Están dos nervios

Como ringleiras de conversos que abrazan, en cada momento, a fe na nova cruzada, moitos dos intelectuais-colunistas de El País collen a súa propia pedra e veñen ao ágora tomar parte activa na lapidación catalana. Vexamos algúns deses croios:

Félix de Azúa, “Veloz progreso hacia el pasado”, El País, 19-12-09

“O referendo independentista catalán é o símbolo da nación desexada: agraria, minúscula, pódea xestionar un párroco. (...)

Como non pode ser doutro xeito, os nacionalismos son moi conservadores, están ancorados no pasado e teñen unha sólida base burguesa. (...)

É un regreso á sociedade pre-democrática controlada polos poderes feudais rexionais mediante a secular alianza do campesinado coa oligarquía. (...)

Este xiro dereitista do socialismo catalán, no entanto, parece compartido polo Goberno de Zapatero, cuxa errática e improvisada política vai deslizándose paulatinamente cara a posicións dunha irracionalidade incompatible coa experiencia do socialismo europeo. Un populismo, unha obsesión polo espectáculo, unha cerrazón sectaria, unha frivolidade moral”

 Javier Pradera, “A consulta independentista”, El País, 16-12-09

“O resultado foi decepcionante para os organizadores, que albergaban grandes expectativas. O independentismo detectado polas sondaxes de opinión móvese en torno ao 20% en toda Cataluña; agora ben, a mostra de municipios elixida para a consulta do domingo (ao redor da quinta parte dos concellos cataláns) achábase intencionadamente sesgada a favor do soberanismo a causa do predominio nacionalista na zona e pola vantaxe dos núcleos rurais sobre as escasas vilas de tamaño medio. Á desilusión producida pola mediocre colleita de votos que recolleu a consulta nas urnas uníronse despois repróchelos cruzados entre os seus organizadores para culparse mutuamente da desfeita”.

 

Miguel Angel Aguilar, “Mentalidad sumarísima”, El País, 1-12-09,a propósito do editorial conxunto “A Dignidade de Catalunya” subscrito por 12 diarios cataláns a propósito do recurso contra o Estatut:

“Vaiamos agora ao título e recoñezamos enseguida a carga explosiva do vocábulo "dignidade", capaz de causar unha deflagración devastadora e de xerar unha onda expansiva de gran alcance. A "dignidade", a "honra", son vocábulos que aparecen no teatro de Lope de Vega ou de Calderón. Están revestidos dun carácter transcendente. Encerran referencias á alma e a Deus e son refractarios a calquera clase de arranxo civilizado. Citar eses vocábulos, equivale a mentarlle a un a nai, no mesmo sentido en que falou da súa Albert Camus ao recibir en 1957 en Estocolmo o premio Nobel de Literatura. Alí estableceu que si se vise na disxuntiva de elixir entre a xustiza e a súa nai, elixiría á súa nai. O conflito entre "dignidades" é aínda máis grave que o que pode exporse entre "lexitimidades", onde cabe imaxinar algunha articulación intelixente e compartida”.

 

Antonio Elorza, “Catalunya ou a caixa de Pandora”, El Pais, 30-11-09:

“A capacidade do actual goberno para meterse en camisas de once varas é practicamente infinita. (...)

Máis aló dos resultados do que xa é unha crise anunciada da orde constitucional, o tema do Estatuto de Cataluña responde a esa mesma forma de facer política do presidente Zapatero, lanzándose con valor en busca de resultados a curto prazo, sen preguntarse pola racionalidade e os custos futuros de cada operación. Atopámonos ante un lio, un maldito lio, onde por encima dos incertos resultados (ou desastres) a que se chegue, resulta imprescindible tirar do fío da meada e sinalar aos causantes de que un problema perfectamente resoluble dentro do noso marco legal se transformase nun perverso xogo político onde todas as combinacións posibles arroxan unha suma negativa. En calquera caso todos perden, salvo as opcións extremas. (...)

Alzar a bandeira de Cataluña contra España aquí e agora non é só anticonstitucional, senón antidemocrático. Pero aí estamos: bilateralidade igual a dúas soberanías enfrontadas. Fractura”.

Andate via, Sr. Polanco

Deixémolo por aquí, a cousa podería eternizarse. A propósito, conto aquí un episodio verídico. Tendo que recoller en Madrid un premio publicitario esponsorizado por El País, un amigo pedía consello para articular un breve discurso de agradecemento. Aconselleille que, parodiando unha famosa frase de Aznar dirixida a Felipe González nas Cortes, declarase:

-Váiase Sr. Polanco, váiase.

Como non espabile, ao Sr. Polanco hanlle roubar a carteira nunha reunión do consello de administración do novo ente televisivo, namentres Il Cavalieri proclama, vingativo:

-Andate via, Signore Polanco, andate via!

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río