Antonio Cendán . Grupos ecoloxistas e a Federación Galega de Caza discrepan sobre se é un deporte ou ‘unha masacre’
O último accidente que se cobrou a vida dun cazador fai que o deporte das escopetas salte outra vez a primeiro plano. A pesar desta circunstancia, o presidente da FGC, Xosé María Gómez Cortón, asegura que é un deporte seguro e as posibilidades de ter un accidente “son de unha entre un millón”. Porén, o representante do grupo ecoloxista ADEGA, Fins Eirexas, sinala que “ninguén pode garantir a seguridade cando se sae ao monte cun arma mortal”. A caza, deporte? Aínda que a Federación Galega de Caza figura como adscrita á Secretaría Xeral do Deporte e está recoñecida coma unha práctica deportiva, contando con 70.000 licenzas, ao longo dos últimos tempos xurdiron voces que se alzaron contra o mundo dos cazadores, principalmente procedentes de organizacións ecoloxistas que consideran que se trata dunha “masacre” e que de deporte “non ten nada”. Na opinión de Eirexas, “ao feito de organizar unha batida masiva de raposos, aínda por enriba patrocinada por institucións públicas, non se lle pode chamar campionato, porque o que se trata e de quen mata máis animais. O que leva o trofeo é aquel cazador ou cuadrilla que mate un maior número de raposos. Iso non se pode considerar nunca un deporte senón unha actividade mal regulamentada e principalmente en Galicia, ademais ulo está o afán de superación, propio de calquera deportista?” Pola súa banda Gómez Cortón defende a súa postura argumentando que “se trata dunha actividade legal é polo tanto un deporte. A caza é unha actividade física saudábel e tamén intelectual, xa que saímos ao monte co ánimo de reforzar as nosas relacións sociais e de pasalo ben, sen ánimo de molestar a ninguén”. Os ‘trofeos’ de caza Evidentemente o principal obxectivo da caza son os animais que cada cazador consegue abater. O presidente da organización dos cazadores xustifica as batidas en determinadas especies “polo elevado número de pezas que comezan a existir de xabaríns ou raposos, a máis dos estragos que estes animais causan no campo, dun xeito especial os primeiros”. Apunta que “a elevada cifra de porcos bravos que hai no rural galego fai que causen desfeitas nos cultivos, polo que moitas veces temos demandas de agricultores e gandeiros para saír na súa defensa”. Recalca tamén que “os cazadores só abatemos aquelas especies que marca a lei. A nosa responsabilidade impídenos matar máis dun animal dos que se asine en cada Territorio Ecoloxicamente Ordenado (TECOR). A máis, ninguén coma nos coñece cales son as especies protexidas e, por suposto, non lles tocamos”. Porén, Fins Eirexas apunta que “hai un gran número de cazadores que considera o monte coma un couto privado, cunha idea antiga do que é a caza, propia dos séculos XVIII e XIX. Non queren darse conta de que as circunstancias mudaron substancialmente”. Sinala tamén que “moita xente que vai cunha escopeta ao lombo considera que por iso segue a ter un status social e ve nos que imos gozar tranquilamente do monte uns inimigos”. Ademais, o representante de ADEGA lembra que “as cacerías a carón de lagoas e humidais houbo que prohibilas pola elevada contaminación de chumbo que ocasionaban os proxectís das escopetas. Ecoloxistas e cazadores A pesar de todo, existen puntos de encontro entre uns e outros. Así, Gómez Cortón, sinala que “persoalmente non teño controversia con aquelas entidades ecoloxistas que teñen un punto de vista democrático. É certo que podemos ter algúns principios e criterios opostos, pero en ambos casos respectábeis. O que temos que tratar é de buscar puntos de encontro en asuntos que consideramos cruciais, entre eles os relativos á conservación das especies. As discrepancias parten das persoas e os seus principios. Nos entendemos que a caza e unha actividade sen consecuencias ambientais”. Pola súa parte, Fins Eirexas asegura “manter boa relación, e estar sempre aberto ao diálogo, co grupo de cazadores responsábeis, eses que no ano 2007 decidiron non cazar e estaban dispostos a que ese ano non se abrise a tempada a consecuencia dos espantosos lumes que asolaran Galicia no 2006. Esta actitude é unha garantía de que a caza ten porvir no país e que a actividade proseguirá en vindeiros anos. Tamén hai outro grupo que se opón a xente que vai pegar tiros ao monte sen mais”. Eirexas conclúe que “a caza en Galicia vaise acabar e non porque se prohiba, senón por que nuns anos non haberá que cazar, dado que moitas especies cinexéticas están directamente vinculadas coa actividade humana”.
Resultado dunha batida de caza
Descargar Tarifas