M. V . A Xunta do PPdeG non tiña motivos legais para suspender con urxencia o Decreto Eólico do bipartito. Este é un dos argumentos dun auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anula a derrogación da norma que deseñou a consellaría de Industria do BNG.
Os xuíces aceptan o recurso de varias das adxudicatarias do reparto do bipartito, que recorreran un auto previo que paralizaba cautelarmente esas adxudicacións. A paralización cautelar, agora sen efecto, foi solicitada por MUVEGA, sociedade na que participa o vicepresidente de La Voz de Galicia, José María Castellano, e que non recibiu megawatios do bipartito. Feixóo ten que asumir toda a responsabilidade da derrogación A nivel práctico o novo auto ten consecuencias limitadas, polo menos inmediatamente. O PP aprobou en solitario esta semana unha nova Lei Eólica. Esta norma deixa sen efecto o reparto do bipartito. Contra a nova Lei Eólica só se pode recurrir ante o Tribunal Constitucional, como xa está planeando a patronal eólica galega, contrariada polo novo canon ambiental aprobado polos conservadores. As consecuencias son máis importantes a nivel político. O presidente da Xunta xa non pode presumir que a Xustiza declarou ilegal o reparto eólico do Bloque. Alberte Nuñez Feixóo ten que asumir en solitario a responsabilidade de parar un concurso sen causas legais, coas evidentes perdas de emprego e de inversións no sector que xa se están a producir. A batalla político-xudicial no país favorece a outras autonomías Ademais, o auto é un argumento máis para as adxudicatarias co anterior Goberno. É probábel que estas empresas sigan coa liorta xudicial até lograr indemnizacións da Xunta. O BNG xa advertiu no Parlamento que a derrogación situación a varias das adxudicatarias preto da desaparición. A consellaría de Economía xa apuntou que o canon podería servir para pagar esas hipotéticas indemnizacións, malia que o conselleiro Xavier Guerra indicara nun principio que a derrogación eólica faríase de tal xeito que a Xunta non tería que compensar a ninguén. Trátase, en todo caso, dun novo chanzo dunha batalla xudicial que pode prolongarse varios anos e que ameaza con atrasar aínda máis novas concesións de parques. Un atraso que lastraría o futuro do sector no país; pois as primas estatais a enerxía eólica vanse reducir. Isto xa está a provocar que as concesionarias noutras autonomías se adianten no reparto de subvencións ás compañías que teñen planes para investir en Galiza.
Parque Eólico de Cabo Vilán, feito por Fenosa nos gobernos de Manuel Fraga
Descargar Tarifas