Redacción . Ante a inminente presentación do borrador do novo decreto que regula o uso e promoción do galego no ensino non universitario, A Mesa pola Normalización Lingüística advírtelle á Xunta de que 'calquera proposta que vaia por debaixo do 50% de docencia no idioma propio do país será nula de pleno dereito, xa que vulnerará a Lei de Normalización Lingüística'.
A Mesa lémbralle ao Goberno de Alberte Núñez Feixóo que a norma aprobada no 1983, considerada de desenvolvemento estatutario, estabelece no seu artigo 13.2 que “as Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino”. Segundo a asociación, isto significa que calquera proposta de decreto que sexa regresiva será directamente inválida. Cómpre lembrar, ademais, que o propio presidente da Xunta sinalou a semana pasada que a proposta que presenten estará “de acordo coa Lei de normalización lingüística”. “Diferentes estudos demostran que no caso do galego iso non se está a conseguir, polo que non tería sustento legal que se producise unha redución da presenza do idioma desfavorecido”, apuntan desde a asociación, que remite ás últimas enquisas elaboradas pola Real Academia Galega e a propia Xunta, así como aos datos do censo de poboación e vivendas. Confianza na xustiza
Fotografía da manifestación do 18 de outubro.
A entidade presidida por Carlos Callón sinala que o Goberno do PP dá con outras trabas no seu “ataque contra a nosa lingua no ensino”. Por unha banda, que “é obriga dos poderes públicos garantir que os rapaces e as rapazas finalicen cada etapa educativa coas competencias comunicativas tanto de galego como de castelán”.
Desde a asociación en defensa do idioma manifestan a súa “convicción plena” de que “calquera proposta regresiva será tombada polos tribunais”. Ademais, confirman que a desprotección do galego no sistema educativo tamén suporía unha condena internacional, xa que “os tratados sobre dereitos lingüísticos asinados polo Estado español sinalan un camiño claro de restauración dos idiomas propios, que ningún goberno democrático pode saltarse unilateralmente”.
Descargar Tarifas