César Lorenzo Gil . Manuel Fernández Álvarez (Tomiño, 1958) tomou como apelido literario o nome da súa aldea, Forcadela, sinónimo hoxe dunha traxectoria literaria de máis de 30 anos na que destacan tres piares, a poesía –cuxa última novidade é 'Música de cinza' (Galaxia)–, a narrativa e o ensaio literario, do que están na mesa de novidades dous títulos, 'Sete leccións de poesía' (Espiral Maior) e 'A mecánica da maxia' (Galaxia). O escritor é catedrático de Ensino Medio e profesor do Departamento de Filoloxía da Universidade de Vigo.
Pasou dos 50 anos en plena forma: ensaios, poesía... aínda recente un vídeo documental (2007) e a última novela (2005)... A verdade é que se deu unha casualidade editorial. A mecánica da maxia levaba escrito un lustro. Música de cinza é un traballo no que empreguei cinco ou seis anos. Felizmente, Sete leccións de poesía tivo un tránsito rápido entre a redacción e a publicación. Cinco ou seis anos demorou o poemario? Teño certa facilidade para escribir poesía. E recoñezo que esa facilidade me resulta inquietante. Por iso sempre poño en corentena os meus poemas. Non quero que me cegue o entusiasmo e prefiro esperar para ver se a maxia se mantén pasado o tempo. Xustamente, de tempo fala este libro. Esa é unha das claves pero de fondo está unha loita que se dá en grande parte da miña obra, o tirapuxa de contrastes entre o vitalismo e o gozo (o Música) e a decadencia (o de cinza). Música de cinza ten moito de historia. A poesía debe ir máis alá da empatía emocional co lector? A narratividade non pode estar excluída da poesía. Non quero restrinxir os versos á procura da beleza estilística senón que me interesa a beleza que se produce polo fermoso encadeamento dos feitos. Por exemplo, cando nos namoramos, a nosa experiencia non se circunscribe a un obxecto senón a unha sucesión de acontecementos. Na nosa tradición literaria hai casos excepcionais de poesía narrativa, en Celso Emilio Ferreiro, por exemplo. Di Román Raña que na poesía importa máis o ton e a atmosfera que os temas, que acaban por ser universais. Estou de acordo. No curso pasado vivín un momento inolvidábel na universidade. Asistín como espectador a un recital no que se incluían poemas meus que escoitei noutras voces. E o que me interesou foi a atmosfera que creaban aqueles versos. Eu defínome como wagneriano: a música de Wagner busca engaiolar a quen a ouve dun xeito hipnótico, irracional, alleo moitas veces ao nivel da melodía. Se na lírica a melodía é a palabra, eu digo que si me interesa a forza da sentenza, do que digo, pero non me preocupa non logralo ás veces se conecto co lector a través do ambiente que evoca o poema. Cal é o motor que senta a Manuel Forcadela a escribir? Levo moito tempo facéndoo pero non logrei saber a razón exacta. Penso que escribir acaba por ser unha actitude fronte á vida e que na experiencia literaria hai unha busca de coñecemento. A min o que me interesa é ese milagre de revelación de algo oculto e misterioso que só se encontra unha vez que o pós no papel. Cando coñeces algo non che interesa escribir sobre iso; escribes para aprender, como un exercicio para ampliar o saber. Álvaro Cunqueiro é o protagonista de A mecánica da maxia. Que calidades tiña para ser tan influente na literatura posterior? É que ten moitas facetas interesantes e non se pode reducir a un estereotipo. Como poeta, por exemplo, foi vangardista desde o principio á fin. Inventou o neotrobadorismo, introduciu o surrealismo no galego e os seus últimos poemas enlázano directamente co culturalismo da xeración do 1980. En toda a literatura galega posterior non hai nin un só texto que non estea emparentado con el, ben no plano formal ben no plano temático. Ademais, sempre está de moda porque na literatura galega repítese ciclicamente o debate entre compromiso e esteticismo, como se houbese posibilidade de unirse a un dos bandos! Ai non? A literatura galega é comprometida de seu. Cando un escritor decide escribir en galego e non en inglés, que é a lingua do comercio, xa está tomando unha posición social. Sinalar co dedo culturalismo fronte realismo social é maniqueo e estéril. A min non me gusta, por exemplo, que se critique a xeración dos 80 dun xeito total. Tivemos erros pero tratamos a cultura galega como se estivese normalizada. Convertémola nunha ferramenta que servía para explicar calquera cousa, para contar calquera cousa. Hoxe a ninguén lle estraña que haxa novelas de aventuras ou contos para mozos escritos en galego pero hai 30 anos as cousas non eran así. Houbo unha tentación de darlle á nosa cultura un ton militante, só apto para unha ideoloxía. E evitouse grazas a que se buscou representar toda a sociedade na nosa lingua escrita. Alégrome de que teñamos unhas letras modernas e pluritemáticas e non un discurso monocorde centro ou no lamento ou na reivindicación. Cunqueiro contraponse a Blanco Amor nesa disxuntiva entre soño e realidade. Eran escritores ben diferentes pero non tan afastados. Cunqueiro foi un soñador con instinto de supervivencia. Tivo que adaptarse á fractura da Guerra do 36 como puido e véndoo con perspectiva foi honrado. Ramón Piñeiro pediulle que fose o escritor da Nación pero a el iso quedoulle curto. Sen deixar o localismo, ben entendido, reclamou un nacionalismo galego baseado na vontade de querer ser galego, non no esencialismo de ser galego porque che toca selo. Blanco Amor é un escritor máis universal. Hai que entendelo, non é o mesmo frecuentar os cafés onde paraban Jorge Luis Borges ou Julio Cortázar, como fixo el en Buenos Aires, que alternar co xefe da Falanxe de Vigo, como lle tocou a Cunqueiro. Hai un dato na súa biografía fundamental. Na Arxentina comezou a psicanalizarse e desa experiencia xorde A esmorga. Nesa novela, hai dous achados. Por primeira vez o galego encontra unha koiné, un espazo común para todas as variantes dialectais: a fala que se escoita en América. Por outro lado, os tres protagonistas, o Cibrán, o Bocas e o Milhomes son proxeccións do propio Eduardo: o home que sabe das súas limitacións e non quere saír do camiño recto; o violento e falcatruán (coma fora o seu pai con el) e o homosexual setesaias amante da costura e de disfrazarse de muller. Un dos principais referentes da súa investigación é Eduardo Pondal. Poucos poetas adquiriron dimensión de mito coma el: símbolo da patria, celtismo, identidade, por un lado, machismo, racismo, irracionalismo, se seguimos a María Xosé Queizán. O moralismo é un mal instrumento para analizar a literatura. É certo que Pondal ten poemas impresentábeis nos que, directamente, xustifica a violación, por exemplo. E parte da análise de Queizán parte dun capítulo dun libro meu sobre Pondal. Pero a literatura non se pode xulgar con eses criterios. Louis-Ferdinand Céline era un nazi e non por iso a cultura francesa o repudia. No caso de Pondal é bo ter en conta o contexto da súa obra. A finais do século XIX estaba ben vista unha sexualidade enfermiza: as doenzas venéreas, a homosexualidade vista como vicio... Nesa visión móvese este home. E é un erro proxectar da personalidade de Pondal unha visión da nosa sociedade. El pertencía á escasa clase rendista e, por poñer un exemplo, de independentista tiña ben pouco. Laiouse amargamente da perda das colonias españolas no 1898. Ora ben, como poeta logrou algo ben difícil, elevarse como un ser sobrehumano sobre os demais, ser un profeta capaz de falar co vento e sentir o pensamento dos devanceiros. Iso convérteo nun escritor excepcional. Vostede chega ao ensaio literario pola fascinación das obras ou dos autores? Eu penso que os críticos debemos facer e facemos ficción crítica. Construímos símbolos culturais. Isto os anglosaxóns téñeno moi claro. Cada mes publican un magnífico e irrepetíbel libro sobre William Shakespeare. A cultura galega ten a obriga de facer o mesmo porque é sinal de boa saúde. Temos que reivindicar a grandeza dos nosos autores, cantos máis mellor, e tecer unha e outra vez o fío que une o noso presente coa nosa tradición. A crítica arqueolóxica, a que rescata textos, documentos, pegadas do pasado, paréceme decimonónica. Nestes momentos a narrativa negra goza de boa saúde, tanto no mundo (Larsson) como en Galiza (Domingos Villar). Vostede foi un dos primeiros en facer unha serie de novelas de detectives, con Toni Barreiro. Como xurdiu aquel personaxe? Hoxe acéptase como normal un fenómeno editorial coma eses que nomea e os autores saen resarcidos. Nos tempos das miñas novelas policiais a cousa era ben distinta. Eu recibín grandes críticas por facer novela de xénero. E recoñezo que tiñan erros pero respondían ben ao que se lle esixe a un libro dese tipo. Tamén é verdade que me afectaron as críticas e danaron o resto da miña narrativa, que pasou sen pena nin gloria, talvez inxustamente ignorada. No primeiro lugar no que aparece Barreiro foi nun especial de Cadernos A Nosa Terra sobre relato policial (17 de maio do 1988). Carlos Blanco, falecido editor de Do Cumio, viu aquel contiño na revista e ocorréuselle iniciar cunha novela de detectives unha nova colección de serie negra que tiña en mentes. Foi así como escribín Sangue sobre a neve, que vendeu 15.000 exemplares a primeiros da década do 1990. Eu daquela estaba estudando narraticidade e contar aquelas historias con Vigo de pano de fondo serviume como excelente exercicio para aprender sobre ese tema. As outras tres funas escribindo ano tras ano. Mais a derradeira (A procura do falso Grial) non se publicou no seu momento pola morte de Blanco e a reestruturación de Do Cumio. Cando Carlos Lema empezou a traballar en Galaxia, animoume a publicala e apareceu no 2005 na colección ‘Costa Oeste’.l
Manuel Forcadela, escritor.
Vostede foi dos primeiros escritores galegos en “navegar” e ter páxina propia na internet.
Foi no 1992. Eu quedei fascinado coa inmediatez, co acceso rápido á información en calquera punto do planeta. E lanceime a fondo. Daquela a conexión era carísima, recordo que cha ofrecía a IBM e pagabas por bytes descargados, así que as páxinas non contiñan nada gráfico que as fixese “pesar” máis. Gonzalo Navaza tiña a súa páxina, O cu do mundo, e eu O ximnasio de Academo. Hoxe aquela paixón domestiqueina. Uso acotío a rede pero nin tan sequera teño un blog meu.
Tamén daquela época son as súas experiencias como programador. E as reflexións sobre poesía informática.
Fixen un programiña de análise de textos, o abezeta, que tiña un silabador. Tamén traballei en software de versificación automática. O funcionamento era sinxelo. Había unha base de datos de palabras e frases e cada unha tiña unha cifra asignada. O programa mesturaba esas cifras dun xeito aleatorio e os resultados eran combinacións ben curiosas. Tiña en mente adaptalo para prefixar ritmos, número de sílabas e rimas... pero a vida levoume por outras angueiras. Se algún programador quere recuperar a idea...
Descargar Tarifas