
Desde o primeiro número en 1983 a revista dirixida por Mª X. Queizán a Festa da Palabra Silenciada reivindicou a escrita e o pensamento feminista e conectou Galiza co mundo. No 1985 dedicoulle o segundo número a Rosalía de Castro anunciando unha nova interpretación da obra e da figura da autora. Ano tras ano, déuselle entrada á nova escrita e á renovación da poesía galega nos anos 90 que nos faría falar do Movemento poético da Festa da Palabra Silenciada e mudouse de rumbo a partir do nº 14 xa que as escritoras gozaron de máis espazo nas canles normais de difusión, abonda vermos este 2009. Ano no que entra na RAG Margarita Ledo, Yolanda Castaño recibe o premio “Ojo Crítico”, Rosa Aneiros o Xerais e o da Fundación Caixa Galicia, Mariví Villaverde é recoñecida co Bos e Xenerosos da AELG, Marilar Aleixandre co Día Internacional da Tradución da ATG. Vese no cine O club da calceta de María Reimóndez e represéntase Neuras de Mª X. Queizán. Reedítase O livro das devoracións de Pilar Pallarés, publícase Erofanía. Triloxía poética de Castaño e gózase con O Pouse de fume de Dores Tembrás. Patricia A. Janeiro sorprende con A perspectiva desde a porta e Begoña Caamaño con Circe ou o pracer do azul. Neste 2009 no que volvemos á rúa contra a política lingüística do goberno temos na nosa man a lectura De fala a lingua: un proceso inacabado de Pilar García Negro e a razón da nosa parte como nos demostra Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, de Goretti Sanmartín. Parabéns por este magnífico 25 que demostra que a Festa da Palabra segue a ser unha referencia.
Descargar Tarifas