PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Camilo Nogueira, ex deputado
'A fiscalidade española está centralizada'

Xan Carballa Cunha extensa traxectoria política e institucional, deputado nacionalista en Santiago e Bruxelas, Camilo Nogueira (Vigo, 1936) ten abordado en numerosas ocasións a necesidade dun cambio na estrutura do estado que recoñeza a plurinacionalidade. Participante, en primeira liña, da Transición, impulsor do actual Estatuto, apunta agora o paradoxo que vive o estado español que lle cedeu soberanía a Unión Europea sen reformas constitucionais pero está a punto de cencenar o Estatut xa referendado de Cataluña, a través do Tribunal Constitucional.

Reloxo 19.12.2009 | 08:44

Camilo Nogueira Camilo Nogueira. Paco Vilabarros

A actualidade pon de manifesto que hai trinta e poucos anos (1976), España tiña 266.000 quilómetros cadrados máis ca hoxe, se contamos que o Sáhara Occidental constaba como unha provincia máis. Que lectura política fai dese desprendemento previo á transición?

A idea da España unificada dos Reis Católicos é unha pura ideoloxía. Meteron na mesma coroa diferentes reinos, Granada, Galiza, pero tamén naquel momento Nápoles se incluía e o que veu despois non é a España unificada da que presume Raxoi senón un par de dinastías por século (Habsburgos e Borbóns) que dominaban territorios que hoxe son estados da UE ou países independentes de América. Nas Cortes de Cádiz fálase de españois dos “dous hemisferios”. E durante o XIX e o XX fóronse esfarelando todas esas posesións, até culminar na entrega do Sáhara Occidental, que efectivamente era considerada unha provincia e os saharauís tradicionais que eran amigos de Franco estaban nas Cortes. Hai unha visión restritiva que lle afecta ao núcleo da España centralizadora que é a existencia doutras nacións e outras linguas na península. E esa visión mesmo se traslada sobre Portugal, que ten sido considerada por eses ideólogos unha anomalía. Aínda na época moderna houbo intentos de metela dentro de España. A desgraza é que esa educación ten séculos, acentuouse no franquismo e por iso unha parte substancial da poboación española participa dela.

Coñecemos o embarazo e o parto político da Constitución, pero semella que unha hipotética reforma terá que abordar imperativamente a cuestión territorial non pechada.

Quérese facer unha reforma que atinxa ás linguas non casteláns e as autonomías pero seguindo un camiño restritivo. Esas son as cuestión candentes. Os autores que intepretan os intentos de uniformizar o estado no século XIX coinciden en que o problema das dúas Españas non é entre nación única ou estado plurinacional, senón entre liberais e conservadores, estado laico ou católico. Pero ambas visións dan por sentado que a nación única é indiscutíbel. A actual Constitución inclúe o estado das autonomías pero puido non ser así. Se se crea é porque estaban Cataluña, Euskadi e Galiza, que tiñan plebiscitados estatutos durante a República (1931-1936). De feito esa é a única reminiscencia republicana que ten a constitución actual. Pero o recoñecemento autonómico está preñado de contradicións, porque sobrevive a estrutura provincial, e as provincias tiñan dereito a agruparse a vontade en comunidades autónomas. Ás provincias das tres nacións non se lles preguntou nada, xa non podían mudar a súa adscripción. Admitiuse que nos Estatutos que entraron polo 151 para aprobar un Estatuto novo tiña que mediar un referendo pero os demais son aprobados polas Cortes, despois das iniciativas dos parlamentos, sen plebiscito. Os nosos esixen referendo, o que supón un xeito de cosoberanía, porque as Cortes non poden impoñernos un Estatuto, temos que aprobalo nós. Iso abría un horizonte de futuro e queren pechalo.

Pero España si lle cedeu soberanía a Europa.

Feita a Constitución entramos na UE e España cedeu aspectos de soberanía esenciais e non pasou nada, nin se modificou a Constitución. Pero cando se trata de interpretar a realidade plurinacional peninsular de maneira máis aberta teñen unha posición totalmente restritiva. Convén destacalo, porque non é só por puro españolismo, tamén que non se asimilou que coa entrada na UE cambiou todo e pode que para ben. Cando din iso de que os nacionalistas queremos poñer unha fronteira en Pedrafita, sempre retruco que como vai ser iso se hoxe non hai fronteira nin no Rhin. Hai que pensar con outros parámetros e por iso penso nunha Galiza independente, unha independencia interpretada hoxe, que non é igual que cincocentos anos atrás. Na mesma UE os Estados membros teñen recoñecido o dereito a marchar e a reintegrarse outra vez. Así o contempla o Tratado de Lisboa.

Medran as voces en España que falan de acoutar o sistema autonómico e mesmo hai quen formula que a sentenza do Constitucional sobre o Estatut de Cataluña debe limitar definitivamente a autonomía. É posíbel volver atrás ou non quedará máis camiño que unha reforma federalizante?

Aínda que sexa difícil hai un desexábel horizonte de autodeterminación. O que non ten sentido é poñerlle barreiras ao recoñecemento dun estado plurinacional, porque é o que mellor se adapta á realidade actual e histórica e restrinxilo favorece as tendencias independentistas. Por poñer exemplos, ten sentido que en Galiza teña máis dereitos a lingua allea que a lingua propia? Como tampouco ten sentido que nos gobernen desde Madrid. Aínda que tamén algúns nacionalistas galegos crean que somos un país probe, Galiza pode vivir perfectamente pola súa conta e temos todo o direito a gobernarnos e a cogobernar na entidade na que esteamos integrados sexa un estado plurinacional ou na UE.

A negación do carácter nacional parece a obsesión máis grande, cando desde hai trinta anos Cataluña, Euskadi e tamén Galiza recollen a denominación nacional nunha manchea de leis e institucións.

Un dos argumentos para dicir que precisamos un Estatuto de nación é que xa hai leis galegas que definen o carácter nacional de Galiza. Por exemplo a lei de símbolos, que algúns minimizan dicindo que se fala de “nación de Breogán”. Cando os galeguistas colleron como himno o poema Os Pinos de Pondal sabían que alí se falaba de Galiza como nación. E iso aprobouno por unanimidade o parlamento galego coa presenza de Mariano Raxoi, que era deputado na I Lexislatura autonómica. O propio Antonio Rosón, na transición, declarou o 25 de xullo Día Nacional de Galicia e mesmo se fixo unha manifestación, que el presidiu na Praza do Obradoiro o 25 de xullo de 1979 con esa denominación. Pero teño as miñas dúbidas de que toda esta bagaxe poida levar a unha reforma constitucional positiva. Aínda máis, poden pesar moito as presións restritivas e o demoledor peso mediático, político e cultural de Madrid, como cidade e comunidade autónoma, que é antagonista do Estado das Autonomías.

A recentralización ten aspectos visíbeis no político e no cultural, tamén no económico?

Tamén, senón como explicamos a operación do BBVA, que era un banco vasco e que nunha operación na que tamén participou Rodrigo Rato, acabou en Madrid. É un continuo de decisións económicas recentralizantes. O poder económico concéntrase en Madrid cando Galiza ten moita máis capacidade exportadora en relación ao seu PIB, que Madrid, Cataluña ou o País Vasco. Madrid exporta o 10% do que produce e Galiza o 32%. O poder de Madrid é ser capital e mercé a iso todas as entidades poderosas están obrigadas a situarse en Madrid. E así pasa que a exportación eléctrica de Galiza a Portugal non aparece como tal porque esas empresas teñen sede social en Madrid. A recentralización hai que vencela reforzando o autogoberno, mudando o Estatuto, pero tamén asumindo cada vez máis a propia independencia, porque na lingua témolo fácil e non o facemos. Temos que convencernos de que non somos un vagón que precisamos unha máquina que tire de nós. Se hai máis competencias, un recoñecemento nacional e unha mellor fiscalidade nós podemos vivir moito mellor. A fiscalidade española está absolutamente centralizada e por riba temos que aturar que nos levan os cartos e Esperanza Aguirre diga que son moi xenerosos.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río