Redacción . O Parlament debate esta mañá unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) avalada por 180.000 cidadáns que pide prohibir as corridas de touros en Catalunya. Trátase dun debate de totalidade, o que significa que está en xogo se a ILP inicia a súa tramitación no Parlament.
Os grupos de PSC, PP e Cidadáns presentaron unha emenda á totalidade contra esta iniciativa para evitar que prospere, aínda que os propios socialistas e CIU lle darán liberdade de voto aos seus deputados, dada a disparidade de opinións que xera este tema nas súas filas.
Protesta antitaurina en Galiza.
Tal e como recolle El Economista, a ILP antitaurina ten grandes opcións de prosperar e empezar así a súa tramitación ata converterse nunha lei que prohiba as touradas en Catalunya.
Barcelona, símbolo antitaurino
O 6 de abril do 2004, Barcelona converteuse no primeiro municipio do Estado español en proclamarse cidade antitaurina, a través dunha declaración institucional aprobada no concello.
Os promotores da ILP están agrupados na plataforma Prou! (¡Basta!), que fixo público un documento que cita o apoio de personalidades como o filósofo Salvador Paniker, o científico Jorge Wagensberg, as actrices Silvia Marsó e Marisol Galdón, o xornalista Francisco González Ledesma, a escritora Espido Freire, o cineasta Juanma Bajo Ulloa ou o debuxante Forges.
En defensa das touradas
O director da Plataforma en Defensa da Festa, Luis Corrales, multiplicou estas semanas as súas xestións cos deputados "para transmitirlles a mensaxe de respecto á liberdade e á tradición democrática".
A Plataforma en Defensa da Festa presentou o seu "Manifesto pola liberdade", asinado por personaxes famosos como o escritor Pere Gimferrer, a xornalista Mercés Milà, o pintor Miquel Barceló, o actor Josep Maria Pou ou o cantante Kiko Veleno.
As claves da votación
Actualmente, a repartición de forzas no Parlamento catalán estrutúrase da seguinte forma: CIU ten 48 deputados; PSC, 37; ERC, 21; PPC, 14 deputados; ICV-EUiA, 12; e o grupo mixto, 3.
Os grupos que a priori votarán máis homoxeneamente contra a ILP son o mixto e o PP, mentres que ICV-EUiA e ERC significáronse polo seu apoio á iniciativa, de maneira que os 48 votos de CIU e os 37 do PSC acabarán decantando a balanza cara a un lado ou outro.
Descargar Tarifas