Europa Press . Tres estradas galegas requiren cadeas para circular, mentres que en numerosas vía do resto da rede viaria galega hai que extremar a precaución pola presenza de xeo e neve.
Segundo a información facilitada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), son necesarias cadeas na PO-534 entre os quilómetros 15 e 25 ao seu paso pola poboación de Cachafeiro; e na EP-7201 en Silleda. Ademais, tamén son requiridas na N-541 entre os quilómetros 39 e 41 en Beariz.
Aviso de neve na estrada.
Segundo os datos do 112 proporcionados a Europa Press, rexístranse problemas para circular por neve nos municipios de Allariz (A-52); Bande; Beariz (OU-212 e N-541); O Bolo (OU-533); Celanova (OU-540); Maceda (OU-536); Riós (A-52); Sandiás (N-525); Verín (Alto da Estivadas); Vilar de Barrio (OU-11); Monterrei (N-525); A Mezquita; e Xunqueira de Ambía.
A AP-53 ao seu paso polo municipio de Dozón; a PO-533 en Rodeiro –quilómetros 15 ao 21–; e a AP-53 en Silleda –quilómetros 33 a 29–, son as máis afectadas. Ademais, a DXT resaltou que hai que extremar a precaución na autovía das Rías Baixas, a A-52, desde o quilómetro 0 en Benavente até a Cañiza.
Sal e coches atrapados
A neve e o xeo provocaron nas últimas horas numerosas saídas de vía que se saldaron sen feridos, e que algúns vehículos quedasen atrapados nalgúns puntos da rede viaria galega.
En concreto, estas incidencias sucederon en Laza, Riós, Boimorto, Arzúa, Bande, Vilar de Barrio, San Cibrao das Viñas --onde un camión quedou atrapado polo xeo–, Beariz, Silleda, Allariz –onde un vehículo non puido continuar pola neve.
Tamén, o 112 informou de que levaron a cabo "numerosas intervencións" en localidades como Dozón, Lalín e Silleda por mor da presenza de neve en estradas e accidentes sen feridos.
Ademais, a localidade de Muiños quedou sen luz sobre as 6h15 horas. Protección Civil alertou de que todo o pobo estaba sen luz e, tras contactar cos técnicos, pasadas as 7h30 horas restabeleceuse o servizo eléctrico.
A neve caída atrapou tres deputadas do Grupo Socialista na estrada entre Ourense e Santiago, o que lles impediu chegar ao pleno do Parlamento, onde hoxe se celebra a súa segunda xornada do debate dos orzamentos da Xunta para 2010.
Ao comezo da sesión, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, pediu a palabra para desculpar a ausencia de varias deputadas socialistas, xa que se atopan "atrapados" pola neve. En concreto, faltan no hemiciclo as ourensás Laura Seara, María Quintas e Carme Acuña.
O vicepresidente do Parlamento, Xosé Manuel Baltar, contestou que é consciente da situación, dado que el mesmo a sufriu. Por parte do PPdeG e do BNG, manifestaron que non falta ningún dos deputados.
Decembro do 2008
Unha situación similar se viviu no pleno do 2 de decembro do pasado ano, cando se atrasou uns 40 minutos debido a que varios deputados que se dirixían a Santiago quedaron atrapados na Autoestrada do Atlántico, a AP-9, por mor de dous accidentes múltiples.
Entón, os accidentes tamén se produciron como consecuencia das condicións meteorolóxicas, xa que a calzada sufrira xeadas e se atopaba en mal estado.
Descargar Tarifas