
Hai rios de tinta sobre a folga de fame de Aminatou Haidar e sobre as neglixencias cometidas sobre a súa persoa e sobre os dereitos individuais e colectivos que non foron respectados hai tantos anos cara ao seu pobo e agora no seu caso individual. Por iso non vou escribir nada máis que o que xa está escrito, ao longo do planeta, dende organizacións humanitarias e de dereitos humanos, políticas, sociais, culturais, dende voces discrepantes co acontecido nos medios de comunicación, mesmo voces inesperadas. Non fai falla explicar algo tan lóxico, que sae da razón, dos límites da diplomacia, que chega á impertinencia e ao acoso por parte de Marrocos cara a outro Estado e cara á propia Unión Europea, consentidora até hoxe que ve que o asunto desborda fronteiras e pasou á bilateralidade argumentada inicialmente, e en especial polos defectos, irregularidades e incompetencias do goberno español na xestión deste tema. Hai ríos de tinta sobre todo isto.
Só vou escribir do que vivín onte, e non sei se esa experiencia contada pode servir para rebater algún dos argumentos, ou tan só para transmitir dende un punto de vista humano o que rodea a esta muller.
Saín de Bruxelas moi cedo, cos eurodeputados de IU, ICV, Bloco de Esquerda e PCP de Portugal para ir xuntos nun voo directo de Charleroi a Lanzarote. Ao chegar, na terminal do aeroporto só quedan dos primeiros dias de folga uns carteis e un incansábel saharauí que garda o sono de Aminatou cada noite. Fóra do aeroporto no parking dos buses turísticos hai unhas instalacións aeroportuarias, como unha antiga alfándega das que bordeaban o Miño, onde está instalado o grupo de apoio, dun xeito informal, por un lado mesas con xente escribindo en ordenadores, por outro unha peza onde dorme o grupo que está de xeito permanente con ela dende o primeiro dia, Edi, Fernando, Carmelo, Willy... e tantas e tantos... e a carón, un cuarto lóbrego, pequeno, onde está, nun colchón deitada, Aminatou, a onde non se permite entrar, porque o seu estado físico é o dunha bolboreta que foi fumigada. Primeiro entrevistámonos cos membros da Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Sáhara e da Plataforma de Apoio, póndonos ao dispor e transmitindo as accións políticas que nosos grupos respectivos están facendo en todos os parlamentos onde estamos representados, e deixamos a posibilidade de onte poder ver a Aminatou nun segundo plano. Non, ela quere vervos, insistiron, agradece moito o que estades a facer dende Bruxelas, sacándolles as cores á Unión Europea e aos despropósitos de ambos os gobernos.
Logo dunha rolda de prensa, entramos dez minutos no cuarto onde está. É xa un esforzo falar, o corpo escórrese como un papel de fumar. O seu fío de voz inicial ía aumentando na serenidade, firmeza, convicción, fortaleza, decisión, contundencia, que transmite. Isto non é un capricho, insistía, isto non é un capricho. A voz colle forma, ergue o ton cando fala nun segundo plano da súa situación e fala do seu pobo, e logo do seu desexo inquebrantábel de voltar a carón dos seus fillos, pero dignamente, repite unha e outra vez. É unha nai ante todo. Unha nai saharauí e sabe o que xoga nisto, como así nos dixo. Vou chegar até o final, pero isto non é por min, vós sabédelo. Asentimos, comentamos, dámoslle afecto e solidariedade, pero todos saímos daquel lóbrego lugar coa mesma sensación, que a dignidade desta muller invádete, toca por dentro, en cada palabra, en cada xesto, tan enteira coa palabra que perfora. A palabra xusta, a palabra exacta, a palabra decidida: O meu pobo. Descolonización. Anexión ilegal. Loita pacífica. Territorio non autónomo. Presión europea e internacional. Explotación ilegal de recursos. Vulneración da liberdade de expresión. Campamentos. Mulleres saharauís. Sociedade civil. Dereitos humanos. Devolución. Meus fillos. Voltar.
As réplicas aos rios de tinta poden dicir dela o que queiran, a razón está da súa parte, a legalidade tamén. A contraofensiva diplomática e mediática de intimidación marroquí que pretende facer crer que está influída é unha mentira, como tantas que están estes dias contando e parte da opinión pública crendo, en especial sobre ese debate de alimentala ou non forzosamente, non é certa. Aminatou Haidar sabe de onde vén e a onde vai, e nunca deixou que a presionasen para que siga a folga, non é certo que faga disto un tema persoal, nin é certo que tirara co pasaporte... hai tantas cousas incertas neste caso. Pero non imos rebatelas aqui. Ríos de tinta que soben e baixan, que queren fumigar unha bolboreta, que resiste coa palabra decidida do que vén detrás, un pobo maltratado, esquencido, no que o Estado español ten unha responsabilidade, e é agora ou nunca.
Boto de menos, que a sociedade civil galega non se movera algo máis, que con excepcións illadas, non houbera máis accións. Acaso tamén en Galiza, cremos agora as versións oficiais?.
Aminetou non fala nin fai folga por ela soa, ela é a portavoz da loita de hai máis de 30 anos do digno pobo saharauí e dun pais que debe ser recoñecido e respeitado, o Sáhara Occidental. Por iso resiste, por iso continúa, Aminatou Haidar, a bolboreta do Sahara.
Descargar Tarifas