
Conto: m. 1. Narración de feitos fantásticos e aventuras que se contan de maneira oral, para entreter, ou por escrito, como un relato literario breve.
Un dos síntomas do "apagón neuronal" secundario ao avance imparábel do pensamento único pasa pola incomunicación entre os partidos políticos e a cidadanía. A pouca participación, a definición espallada do ser “apolítico”, os representantes públicos partillados coma se fosen homes e mulleres do exterior, a simplificación das mensaxes, a masificación dos pratos precociñados cos argumentarios e o politicamente correcto e a cotización á baixa do matiz, a crítica e a pluralidade entre moitas outras cuestións, sementan un campo ermo onde reinan os poderes económicos que non pasan por urna, diante dunha sociedade civil e un poder político cada vez máis enfraquecidos e submisos. Nesa problemática global da que non é inmune o nacionalismo e a esquerda en Galiza, resulta preocupante a perda de referentes sociais e políticos que teñan a capacidade de transmitir e tamén, algo imprescindíbel, de ser escoitados. Dentro dos primeiros e como unha das excepcións, téñolle trasladado persoalmente ao actor Carlos Blanco en máis dunha ocasión e na confianza da amizade, a miña admiración pola capacidade que ten de exercer a súa profesión con dignidade, sensibilidade, independencia, ironía e crítica, dentro do convencemento de que é xente como el, Quico Cadaval ou Celso Sanmartín os que manteñen pola vía da oralidade a defensa de parte do noso patrimonio inmaterial. Teño observado en diversas ocasións o poder de convocatoria de Carlos nas súas contadas en moitos lugares do país con xente que independentemente de cuestións xeracionais e sociais, quere escoitalo e paga por facelo e teño aprendido que é no seu discurso actual e no triangulo das Bermudas da incomodidade que ás veces provoca ,onde o sorriso axita conciencias.
Por iso,aínda que el diga que non deixa de saír ao escenario cun nariz de clown para que a xente non esqueza o que é e o que representa, eu cando o escoito chego ao convencemento de que o seu bo facer prende algunha luz na construción colectiva e obríganos ao resto a actualizar mensaxes e a entender que a xustiza das nosas reclamacións e a maneira de transmitilas non debería ser incompatíbel ás veces coa intelixencia, a transgresión e o humor.
Descargar Tarifas