
No primeiro libro das Metamorfoses, Publio Ovidio Nasón (nado no ano 43 a. C) pon en boca de Xúpiter (é dicir, de Zeus, como veremos) o mito que segue:
Querendo por min mesmo ver e entender as humanas accións, baixei do Olimpo con figura de home. E, que terribles paixóns debo contarvos! O mal era aínda máis grande que todo canto nos contaran e entendéramos. Despois de atravesar as montañas de Ménalo, inzadas de bestas selvaxes, e as de Cileno e Liceo, cubertas de piñeiros e coroadas de neves, cheguei á Arcadia, gobernada por un feroz tirano. Non sei como me coñeceron e recibín as homenaxes que me son debidas. Unicamente Licaón, incrédulo, dixo: “Non vexo diferenza entre un deus e un home. Pero por se a houbese, voume servir dun segredo”. E decretou que mentres eu durmía fose asasinado. Deste xeito pretendía descubrir a verdade sobre min. Pero antes convidoume a un festín no que serviu asado o corpo dun preso enviado polos molosos. Por mandado meu, un lume devorador apoderouse súpeto do pazo. Licaón espavorido fuxiu a gardarse entre as feras do campo, afónico e xemebundo, rabioso de sangue e de morte. E, prodixio!, as súas roupas cambiaron en veluda pel, as súas mans e pernas en patas. Trocou en lobo de aspecto feroz, de ollos fosforescentes, de violentas maneiras…
Compárese o mito grego con este galego, recollido polo Equipo Chaira en Abadín en 1992:
Cando Xesús Cristo e San Pedro andaban polo mundo chamaron a unha casa pedindo pousada. Naquela casa vivía unha velliña que unicamente posuía unha vaca e un becerro. Como aqueles vagabundos tiñan fame e non tiña que lles dar de comer, compadecida, matou o becerro e comérono. Xesús mandoulle que puxese os ósos limpos na corte, facendo dúas moreas: os grandes nunha e os pequenos noutra. Así o fixo a pobre muller e, pola mañá, cando ía munxir a única vaca que lle quedaba, atopou que de cada óso grande nacera unha vaca nova, e de cada óso pequeno un xato novo. Soubérono os veciños, que eran ricos e pouco caritativos. Quixeron imitala e convidaron os dous peregrinos. Pero en vez de lles cociñar un becerro, querendo enganar os convidados, mataron un can e amañárono. Sentaron todos á mesa, e o pailán de San Pedro xa manexaba o coitelo, cando lle dixo Xesús: “Detente, Pedro, que é can!” E dirixíndose ós da casa, dixo: “Ela se volva lobo e el lobo”. E á carne: “Levántate, can, e marcha tras todo!”
Os dous humanos, home e muller, transformáronse en lobos e botáronse ó monte. Deles descenden os lobos actuais. A carne resucitou e volveu ser can, e por eso agora os cans teñen o fociño recortado, polo corte que lle metera San Pedro. E como a causa de todo foi a morte dun can, desde aquela cans e lobos son inimigos mortais.
En ambos mitos (son mitos porque non ocorren nun tempo histórico, senón no tempo mítico en que deus andaba polo mundo), Deus disfrázase de vagabundo, vai peregrino ata moi lonxe, é recibido polo xente e homenaxeado, unha persoa podente e nada caritativa rétao e pretende enganalo facendo que rompa un tabú, é convidado a un ágape, castiga o malvado e convérteo en lobo.l
Descargar Tarifas