O investimento directo en compañías representa tan só arredor do 3% dos créditos concedidos por Caixa Galicia e Caixanova
En xullo Caixa Galicia e Caixanova entraron no accionariado de Itinere, a compañía propietaria da Autoestrada do Atlántico. Logo da operación, o departamento de comunicación de Caixa Galicia gabábase de que a entidade alcanzaba os “686 millóns de euros en investimento directo en 72 empresas galegas”. No informe de Caixanova relativo ao ano 2008, afírmase que “a toma de control e posicionamento en empresas rendíbeis con perspectivas de futuro traduciuse nun aumento da carteira de participacións de 283 millóns de euros, o que supón un aumento do 82,7% respecto ao ano anterior.
Os anteriores son dous exemplos da opinión das caixas sobre a súa actividade industrial. O apoio das empresas e da economía das súas zonas de implantación é unha das razóns de ser das caixas de aforro que, como entidades fundacionais, non deberían responder simplemente ao criterio do beneficio como os bancos, organizacións de carácter privado.
Así e todo, a “galeguidade” do investimento produtivo das caixas ás veces pode quedar en cuestión. Un exemplo é esta entrada en Itinere, na que, en conxunto, as caixas galegas posúen arredor do 16%, e que Caixa Galicia caracteriza como empresa galega. É certo que se trata dunha sociedade que xestiona un recurso esencial para o país, a Autoestrada do Atlántico, pero a maioría do seu capital estaba en mans dunha construtora multinacional española (Sacyr) até finais de 2008, cando o control pasou a un grupo financeiro global de capital estadounidense (Citi). Por outra parte, a sede de Itinere está en Bilbao.
Importantes investimentos fóra
Algunhas das empresas máis importantes participadas por Caixa Galicia e con sede no país son Pescanova, a louseira Cupa, Factoría Naval Marín, a eólica Norvento, a madeireira Finsa, a metalúrxica Dinak, Reganosa ou a adega Terras Gauda. Así até 72 sociedades. Con todo, a carteira total da entidade está composta por arredor de 150 compañías, polo que máis da metade non son galegas.
Caixa Galicia participa así na sociedade de seguros Caser, a inmobiliaria Afirma (antiga Astroc), a construtora Sacyr, a produtora catalá Filmax (con capital de orixe galega), ou Inforsistem, cuxa sede está en L’Hospitalet de Llobregat e se dedica á impresión e loxística de grandes cantidades de documentos confidenciais.
Caixanova comparte coa caixa coruñesa participacións en Pescanova ou Renagosa. O apoio directo a empresas galegas concrétase en casos como a inmobiliaria Raminova ou o buque insignia da galeguidade industrial de Caixanova, o 40% de participación que lle outorga o control sobre R Cable e Telecomunicacións.
A entidade con sede en Vigo tamén posúe numerosas participacións en sociedades foráneas, como varias inmobiliarias (Comtal Estruc, Cora Integral, Desarrollos Territoriais Inmobiliarios, Euromilenio Proyectos), as consultoras Ciser e Exportalia ou a Sociedade Inversora en Residencias para Estudiantes.
Comparación co volume de negocio
O BNG foi o partido que máis insistentemente reclamou unha maior implicación de Caixa Galicia e Caixanova co tecido produtivo galego, até o punto de incluír este aspecto no texto que propuxo como nova Lei de Caixas. Os nacionalistas teñen denunciado o, na súa opinión, desvío do aforro dos galegos cara o exterior.
Aínda que para o cidadán de a pé centos de millóns de euros representan unha cantidade moi respectábel, é importante a comparación coa cantidade de diñeiro que manexan as entidades. O balance de Caixa Galicia a finais de decembro de 2008 estabelecía que o volume de crédito concedido pola entidade ascendía a preto de 38.000 millóns de euros. As participación en empresas eran de 1.100 millóns de euros, das que, como xa se dixo, aproximadamente a metade correspondían a empresas consideradas “galegas”.
A proporción no caso de Caixanova é semellante, xa que o volume de crédito concedido pola entidade a 31 de decembro de 2008 ascendía a máis de 17.500 millóns de euros, mentres que as participacións se limitaban a 625 millóns de euros. Ben é certo que en ambos casos unha parte importante do crédito se dirixe a empresas, aínda que as entidades non son moi proclives a especificar, por imperativos do negocio financeiro, a que tipo de sociedades se conceden.