Fernando Pérez-Barreiro Nolla . Moscova pacta con Francia e Alemaña o paso dos principais fluxos enerxéticos que parten do seu territorio
Fernando Pérez-Barreiro é membro do Consello Reitor do IGADI A reforma das voluminosas forzas armadas rusas na época postsoviética, sobre todo despois da desastrosa campaña en Afganistán, é unha historia tortuosa e interesante. Intensificouse este ano, con trazas de profesionalización e redución do número de soldados do Exército de terra. O máis doado para Rusia é a opción de non ter que empregar esas forzas de tan incerta eficacia. Xa abonda coas campañas no Cáucaso, que son outra constante xeopolítica. De aí a importancia de xogar a carta da enerxía, o terreo en que Rusia ten enorme forza. Gazprom, en constante expansión e crecente obediencia ao Kremlin, é unha arma equivalente ás forzas armadas. A dependencia enérxetica de Rusia dos países de Europa é preocupación constante da UE. Fálase decote nos medios de que Rusia non pode garantir a continuidade de subministro. Apreséntanse como exemplo as interrupcións do abastecemento de gas natural que resultan do conflito ruso-ucraíno. Hai que ter en conta que por Ucraína pasa aproximadamente o 80 % do gas ruso a camiño de Europa. A UE preferiría o chamado proxecto Nabuco, que traería o gas natural do Caspio ou de países do Oriente Próximo pasando por Turquía. Sen falar de que unha dependencia de Turquía non é moi desexábel, as cuestións técnicas de custo e duración das obras tornan pouco viábel ese proxecto tan querido de Bruxelas. Rusia ten dúas propostas para manter a súa posición sen depender do paso por Ucraína. Unha é gasoduto chamado do North Stream, que levaría o gas por conduto submarino directamente de Rusia a Alemaña, e outro, o chamado South Stream que, polo mar Negro, Bulgaria e Grecia, remataría en Italia. O North Stream é ben visto polo goberno alemán. O ex chanceler Gerhard Schröder, está no consello de administración da empresa do proxecto. Máis unha vez reaparece a gravitación rusa de Alemaña. E a República Federal oferece, sen dúbida, maiores garantías de estabilidade que Ucraína. Semella claro o éxito desa operación de Putin, que supón inserir un guillo na fronte enerxética europea e fortalece a presenza rusa nun espazo decisivo para a súa seguridade.
Un traballador de Gazprom en Buron, na rexión de Vladkavkaz (Rusia). .
Sábese de sempre que Rusia, na súa vastedade territorial, non é defendíbel en termos militares. O clima foina salvando sempre de invasións desencadeadas no Oeste, pero esa sorte non abalou a crenza na verdade xeopolítica fundamental de que a continuidade da chaira xermánica setentrional ábrelle camiño limpo á invasión. A xeopolítica propriamente dita perde vixencia como concepto, até chegar a usarse o termo como equivalente de “política internacional ou mundial” pero explica a presenza continua desa debilidade na mentalidade estratéxica rusa. Xa era así na Rusia dos tsares, e seguiu sendo na Unión Soviética e na Federación de Rusia de hoxe.
North eSouth Stream
No caso do South Stream, Italia depende tanto como Alemaña do gas ruso. Rusia sabe que non ten maiores medios de presión enerxética sobre Francia, que se podería opor ao proxecto e tender ao Nabuco. Podería facer iso porque ten un sector nuclear moi desenvolvido como abastecedor de enerxía. Nesa situación resulta importante que, despois da recente visita de Vladimir Putin a Nicolas Sarkozy, Francia se manifestase favorábel ao proxecto do sur. Putin conseguiu o que quería con medios económicos tales como a promesa de comprar un portahelicópteros do tipo francés Mistral, por valor de 600 millón de dólares, investimentos da Renault na Avtovaz rusa e outros.
Descargar Tarifas