PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Premio Xerais 2009
Rosa Aneiros: 'Gústame escribir sobre o que me fascina'

Redacción .  Acaso sexa das poucas persoas que nunha mesma tarde gañou dous premios literarios, Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976), está agora metida de cheo na promoción de 'Sol de Inverno' e 'Ás de Bolboreta', coas que acadou o Xerais de Novela e o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, respectivamente.

Reloxo 06.12.2009 | 09:07

Rosa Aneiros Rosa Aneiros. Paco Vilabarros

Sorprendeu vela erguer en xuño pasado os dous trofeos, ademais do risco de presentarse, sente que os premios son unha necesidade para promover as obras?

A crise económica tamén acaba derivando nunha baixa de consumo de ocio. Aínda que se diga que no libro non repercute tanto, é unha realidade que a literatura tamén é un obxecto de consumo e precisa entrar nas canles de difusión. Os premios colaboran a pular polas obras aínda que eu xa fose unha autora algo coñecida. Trátase de ser máis visíbel nos andeis da librarías, unha visibilidade da que non anda sobrado o libro en galego. Aínda así Ás de bolboreta decidín presentalo no último momento e coa curiosidade de como o recibirían as rapazas do xurado. Se ser finalista xa foi unha sorpresa, podes imaxinar levar os premios.

Esa simultaneidade de premios tamén pon sobre o papel a división entre a literatura xuvenil e de adultos. É críbel?

Curioso, porque algún profesor de instituto que lera Ás de bolboreta dicíame que os rapaces non a ían entender, porque era unha obra moi aberta. A experiencia da reacción ante un final incerto xa a tivera con Resistencia. Creo que os rapaces tamén teñen que esforzarse na lectura, non todo debe ir mastigado. A experiencia de Resistencia nos institutos revélamo, porque nada máis chegar preguntábanme por como acaba e non lle gusta que non estea claro o final. Se me poño como autora non creo nesas divisións, pero escribindo sempre pensas que hai cousas demasiado obvias para un adulto. Pero non falaría de xéneros diferentes.

Escribe pensando no tipo de lector?

Penso no que pode entender, pero non na idade. A literatura é un xogo de percepcións e con lectores xuvenís quizais acentúes determinadas cuestións que a unha persoa de máis idade xa non a sorprenden.

En Sol de Inverno hai un personaxe presente nunha manchea de momentos de gran transcendencia: a guerra, o exilio, a revolución cubana, París en maio do 68. Cal é o asunto central que ensambla toda a novela?

Quería debuxar un personaxe (Alfredo) que teima en ser protagonista do mundo en que vive. Que quere con desespero estar nos sitios onde o mundo se pode transformar. No ser humano existe a necesidade de ser alguén no momento que che toca vivir e o meu personaxe sería o extremo dese anceio.

É tamén o retrato dunha xeración?

Fascinoume o retrato doloroso que aparece en Ramón Suárez Picallo, en Luís Seoane e en moitos exiliados nosos cando remata a II Guerra Mundial, en 1945. Esperan que aquela sexa tamén a hora do seu regreso, e teñen as maletas feitas. Pero o “agora nos toca” non chega nunca e a desazón aparece sen que as maletas se desfagan. Esas equipaxes aqueladas para un tempo que non chega tamén as vin nos campamentos de refuxiados no Sáhara. É un retrato da esperanza da humanidade e o meu personaxe non quere crer que ese tempo anceiado chega en algures e el non está alí.

Con máis coñecemento da nosa historia sobrarían moitas explicacións de contexto?

Por desgraza si. Os lectores poden saber que os exiliados durmiron ao raso nas praias de Argelès-sur-mer ou Saint Cyprien, pero non quería tanto informalos diso como poñelos na pel dunha persoa que está alí e pensa que a súa irmá non vai saír viva desa noite ao frío e á humidade. O que busco é que a estatística ou o coñecemento xeral non anule os sentimentos, nun tempo no que estamos asolagados de cifras que nos deixen indiferentes ante a dor allea.

As súas obras teñen un vencello con realidades políticas e sociais contemporáneas fortes, é pola súa profesión de xornalista?

Como xornalista teño a sensación de que nos quedamos moito nos titulares e nas descricións frías, e na literatura tento ser o máis subxectiva que podo. Hai máis verdade no relato directo dunha persoa que na narración “obxectiva”. A escolla na literatura dunha voz individual achega máis comprensión das circunstancias, sobre todo en momentos de grande intensidade nas que o ser humano se mide máis a si mesmo, porque tes que tomar decisións ou porque te ves fronte ao resto da sociedade. Sexa no caso do Prestige ou como en Sol de Inverno en verdadeiros fitos o século XX.

Todo o que acontece na Habana está directamente relacionado cunha vivencia familiar directa?

Máis que as historias en si apetecíame contar a ambientación, recuperar a Habana que viviu o meu padriño e que ma contou tantas veces e con tanto detalle cando era pequena. El botou desde o ano 1920 ao 1949, saíu dunha aldea sen electricidade e na Habana agardábano seus dous irmáns. Aquela chegada a unha gran cidade dun emigrante asombrado apeteceume sempre contala e quería escribir en particular da capital de Cuba.

En 1982, cando se funda o Premio Blanco Amor, faise especificamente para novela longa. Lendo Sol de Inverno e tantas outras obras de hoxe, xa non fai falta estimular esa dimensión. Semella paradoxal nun tempo no que se fala de que se busca a lectura lixeira e rápida.

E a tendencia mundial di que é o tempo das grandes sagas de varios tomos. Son modas, pero a min cada libro pídeme a súa propia extensión e non me marco límites nin por arriba nin por abaixo.

Vostede insiste moito na escrita como necesidade.

É algo moi egoísta. Despois podo pasar, como agora, moito tempo na promoción das obras, porque é unha obriga que asumo. Pero máis que a necesidade de comunicar, escribir permíteme vivir outras vidas. Cando escribo sitúome dentro doutras persoas, obrígome a ver o mundo desde diferentes perspectivas e entendelo mellor. Agardo que moitas das cousas das que escribín non me toque vivilas, pero mediante a escrita situeime noutro lugar. Tentei racionalizar moitas veces esa necesidade miña. Agora penso que foron dous premios pero moi ben puido non ser ningún e mesmo non estar publicados os libros. Cando sento a escribir estou vivindo o pracer ou a dor de estar metida na escrita, pero son incapaz de marcarme prazos para rematar. Fascínanme eses escritores e escritoras que teñen un calendario estrito, unha folla de ruta fixa, pero a min aínda que me produza pánico a situación de perderme no medio da narración, creo que lles debo deixar nacer e vivir aos personaxes a súa propia vida. Non lle pido á literatura máis que o pracer propio de escribir e contar as historias que me apetecen e me fascinan.l

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río