O xogo de Yalta / Afterplay
Compañía: Teatro do Atlántico
Dirección: Xulio Lago
Elenco: Damián Contreras, Victoria Perez, María Barcala, Gonzalo M. Uriarte.
O teatro, coma o resto das artes, podería definirse como unha mentira da que podemos derivar unha verdade. A relación que existe entre esa mentira –a ficción– e o sentido que lle damos ás nosas vidas está no fondo das dúas pezas curtas de Brian Friel que Teatro do Atlántico reúne no seu último espectáculo. En ambos textos, Friel, cuxa obra se relaciona habitualmente coa de Chekhov, réndelle declarado tributo ao autor ruso.
O xogo de Yalta toma os personaxes do conto A dama do cadelo para redixir a historia do romance entre Dmitry Dmitrich –un home maduro que pasa as vacacións en Crimea mentres a súa familia permanece en Moscova– e Anna Sergeyevna –unha muller nova casada cun home moito maior ca ela e que viaxa soa co seu cadelo. O “xogo de Yalta” mencionado no título –e reiteradamente posto en práctica polos dous amantes– consiste en imaxinar elaboradas fantasías sobre a vida dos outros veraneantes. Mais, igual que as historias que inventan para o resto dos turistas, a súa propia aventura remata por ser cuestionada. Son sinceros os seus sentimentos ou fan parte dun outro sofisticado xogo de ficción? Acaso non é o amor un relato creado na mente dos amantes? Por ese camiño de dúbida cartesiana os personaxes acaban por poñer en cuestión a autenticidade das súas existencias.
A posta en escena ispe completamente o escenario –a excepción de dous pares de cadeiras– de forma que os espectadores debemos suplir coa nosa imaxinación a ausencia de calquera elemento escenográfico, incluído o cadelo: xogamos o noso propio “xogo de Yalta” e transformámonos en árbitros da relación existente entre teatro e verdade, entre ficción e realidade. Así, cando de brincadeira Dmitry lle di a Anna: “sabes perfectamente que aí non hai ningún cadelo”, está subliñando o importante papel que xogan as nosas ilusións: na arte e tamén na vida. Deste xeito, emerxe a idea de que o que chamamos realidade non é mais que unha fabulación compartida.
En Afterplay –na miña opinión, a verdadeira peza de convicción deste espectáculo– son Andrei Prozorov, de As tres irmás, e Sonia Serebriakowa, de Tío Vania, os que se encontran nun café de Moscova vinte anos despois de rematar as historias narradas nas obras orixinais. Andrei descóbrese como un mentireiro compulsivo que reescribe a súa propia vida para mitigar a dor que lle producen os sucesivos fracasos experimentados. Sonia, pola súa banda, segue dependendo dunha fantasía para seguir adiante: que o seu amado Astrov aínda a necesita, que existe esperanza para o amor non correspondido que sente por el.
Friel deléitanos nesta exquisita creación co retrato duns personaxes que abalan entre a confianza en que as súas verdadeiras existencias aínda estean por comezar e o estoicismo de quen coñece a fraxilidade de calquera plan para o futuro. A alternancia de desvelamentos e ocultacións mediante a que vai avanzando a obra insiste na idea de que a nosa percepción da realidade é enganosa: a liña que separa o real do ilusorio constitúe unha difusa fronteira na que se confunden a vida tal e como a vivimos e tal e como desexamos que se desenvolva.
Mais a pesar dese fondo de tristeza, hai que subliñar que o ton de comedia lixeira que recobre o xorne dramático desta peza contribúe a destacar a dignidade con que estes dous personaxes afrontan as dificultades e enchen de calor e humanidade un texto que, doutra maneira, correría o risco de se converter nun áspero exercicio de melancolía. Friel non amosa o tráxico decorrer dos acontecementos, senón a loita de Andrei e Sonia por lles outorgar un sentido.
A dirección de Xulio Lago é –como adoita ser habitual– moi intelixente: comprende que a ambigüidade destas obras está abertamente confiada á linguaxe e que, xa que logo, as interpretacións deben ser nidias, libres de calquera artificio que escureza a palabra dos personaxes: en certa forma, son as palabras as que sosteñen a súa –a nosa– realidade. O ritmo vai impoñéndose naturalmente, estendendo o poder creador do texto aos espectadores. Os actores asumen o reto e responden inxectándolle pulso aos diálogos. Toda a consternación que supuran as dúas pezas está ben conducida e o público atende aos pormenores con interese de principio a fin. E, malia a densidade do tratado, aplaude con convicción.