PUBLICIDADE
Luns, 15 de marzo de 2010
BLOG DÉBORA CAMPOS
Débora
Campos
Teatro e política
O Festival Internacional de Buenos Aires achegou a esta cidade, como cada dous anos, pezas dramáticas de Alemaña, Austria, Bélxica, o Brasil, o Canadá, os Estados Unidos, Francia, Mozambique, Polonia, entre moitos outros países. E de Galiza. A partir da interpretación dun feixe de rapaces e da permanente actividade dun mestre, a nosa lingua e a nosa cultura estiveron presentes. Teatro e política. Teatro e identidade.
 04.12.2009 | 07:40

FIBA2_DeboraCampos FIBA2_DeboraCampos Esquerda   1 / 2  Dereita  

A política é moito mais que a política. Todos o saben. A política está máis alá dos despachos, dos cargos e dos discursos. Hai algunhas semanas, na cidade de Bos Aires, un feixe de rapaces e mozas fixeron máis pola Galiza que moitos homes e mulleres que gastan roupas finas e chegan aquí de visita falando de dereitos, de pensións e de votos. Sobre todo, de votos.

Cosmopolita e incalculable, Bos Aires é unha megalópole caótica que semella funcionar a partir de leis non cumpridas. Insomne, inqueda e bulideira, a cidade é atraente para propios e estraños, pero se dalgo fachondean os porteños é da importancia que a cultura ten na súa vila. E algo de razón teñen porque o calendario de feiras, festivais, actividades e presentacións é, certamente, impresionante.

O último destes acontecementos culturais foi o Festival Internacional de Buenos Aires (FIBA) que é considerado unha referencia rexional na materia e –como sempre– achegou pezas teatrais de todo o mundo.

O FIBA xurdiu hai doce anos. Din os seus organizadores que "cada dous anos este encontro concentra a diversidade artística expresada en novas procuras estéticas e tendencias do teatro, da danza, das artes visuais e sonoras, entre outras. Os maiores innovadores da escena teatral pasan por Bos Aires, posibilitando que os artistas arxentinos poidan reflexionar sobre a súa propia producción e o público goce coas obras de gran calidade".

Estar no FIBA é, por tanto, estar no mundo do teatro e achegarse aos artistas de Alemania, Austria, Bélxica, Bolivia, Brasil, Canadá, Chile, Colombia, España, Estados Unidos, Francia, Inglaterra, México, Mozambique, Nicaragua, Polonia, República Checa e Uruguai.

E de Galiza.

Porque este ano, e da man do responsable do departamento de Lingua e Literatura Galega do Instituto Santago Apóstolo, Carlos Rodríguez Brandeiro, un pequeno grupo de mozos e mozas pisou forte entre as compañías que trouxeron as súas pezas á cidade de Bos Aires.

Cóntao o propio profesor Rodríguez Brandeiro: "Puxeronse en contacto a través do presidente do Centro Galicia para ver se teríamos interese en que unha parte do alumnado participaran no festival lendo a obra A noite vai coma un río, de Álvaro Cunqueiro". Dous rapaces e unha rapaza foron seleccionados e o mestre de teatro do colexio, Fernando Naval, traballou con eles na posta en escena e na interpretación.

"Ao mesmo tempo -engade Brandeiro-, o alumnado de 5º curso comezou a tradución do texto, pois ao auditorio entregábaselle unha versión en castelán das escenas representadas. Eu, pola miña parte, fixen de mal xastre para seiturar a obra e deixala nunha adaptación de aproximadamente 30 minutos (o tempo estipulado pola organización)".

Das moitoas virtudes que ten o profesor Brandeiro -e das que da testemuña toda a colectividade galega- a modestia é, sen dúbida, a que queda máis á vista. Este filólogo da Universidade d´A Coruña leva varios anos na Arxentina facendo un traballo invisible pero sólido coma as pedras de Compostela: sementa conciencia, alimenta a pertenza e garante que a nosa lingua non deixe de soar nestas terras.

E ademais, non perde ocasión de estar, de dicir, de lembrar. Mesmo de incomodar a forza de verdades.

A noite vai coma un río, de Cunqueiro, foi aplaudido na biblioteca Martín del Barco Centenera dentro do programa Babel do FIBA que achegou, ademáis, pezas en húngaro, grego e otras linguas. Foi grazas á interpretación dos alumnos-actores Guido Emiliano Destefanis, Ailín Ailén Fiel Wakoluk, Tamara Moreno e Pedro Eduardo Pampín que, ademáis de facer teatro, fixeron patria, fixeron política e deixaron en claro que a identidade non se proclama, se exerce.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río