PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
BLOG XURXO ESTEVEZ
Xurxo
Estevez
Manuscritos económicos do xove XE (nº 8)
Novas ideas dos nosos expertos economistas
 02.12.2009 | 18:12

Trichet e MAFO, presidentes do banco Central Europeo e banco de España, cos traballadores Trichet e MAFO, presidentes do banco Central Europeo e banco de España, cos traballadores. Xurxo Estévez

Varias aportacións refulxentes dos nosos benqueridos expertos en materias financeiras veñen tsunamizando o poleiro económico desta semana.

Vexamos:

1) A Xunta relaxa as sancións contra quen especule contra o chan industrial.
Até o de agora, penalizábase cun 20% do prezo se o terreno industrial adxudicado a un empresario non se destinaba ao uso previsto, e agora a sanción baixará ao 5% e “só nalgúns casos” a considerar. Ou sexa, a partir de hoxe, os especuladores poden apalancar o chan e esperar que aumente o prezo para facer negocio, con apenas unhas lixeiras multas, se é que veñen. O bo do asunto é que eu son o que pago a operación, e ti leitor ou leitora, pois son os cartos públicos dos nosos impostos os que financian as expropiacións e as obras da constitución de un polígono industrial.

O obxectivo, expresado por esa eminencia intelectual que temos na presidencia, o Sr. Feixóo, e o seu conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández,  é o de “adaptarse aos tempos de crise e facilitar a compra dos terreos por parte dos empresarios”.

A min paréceme ben que xa non se teña que cumprir a norma legal e que se eliminen as sancións. Estamos en crise, amigo. E tamén me parece lóxico sacar das cadeas aos que rouban coches, aos que desvalixan pisos e aos que te asaltan cando vas pola rúa, lindamente. En tempos de “recesión” hai que facer vista gorda e ser comprensivos, pois a xente ten que buscarse a vida.

Os bancos, por exemplo, agora que non conceden cretos, teñen que meter esa pila de cartos que teñen en algún lugar, non o poden gardar debaixo do colchón financeiro, máxime cando lles acaban de regalar uns cantos millóns dos meus impostos para estimulalos, os pobres, que estaban desincentivados. Así que se lle abren vías para comprar fraudulentamente terreos e despois facer o agosto, pois agora hai barra libre.

Pido tamén que se lles legalicen as inversións no narcotráfico, no comercio de armas e nas diversas tratas.

2) En Portugal As confederações patronais vão pedir esta terça-feira à ministra do Trabalho o alargamento do subsídio de desemprego aos empresários. “A Confederação da Indústria Portuguesa (CIP) e a Confederação do Comércio e Serviços de Portugal (CCP) são unânimes na reivindicação do alargamento deste subsídio aos administradores, directores e gerentes de empresas”.

Pois si, Srs., estamos totalmente de acordo. Que é iso de que só os encofradores, camareiros, pinches e mineiros poidan cobrar o seguro de desemprego? Banda de privilexiados esa xentalla do téxtil, do metal, da construción, terán cara? Hai que ser solidarios e estender os dereitos a todos.
Unha actitude xenerosa por parte dos currantes e das currantas, ao compartir os cartos do seguro de desemprego cos empresarios, traerá moitos beneficios a todos. É obvio que, en base ao principio de reciprocidade, calquera empregado da Citroën poderá pasar o verán no iate do Sr. Amancio Ortega ou viaxar ás Bahamas no avión privado do  Sr. Francisco Hernando, “El Pocero”. Á hora do bocata, sobre as dez e meia, o romanés Ilia Dimitrescu, o senegalés Ali Seidu Baba e os demais compañeiros do edificio que están a construír na zona de Arousa poderán acudir ao restaurante “Chocolate” de Vilaxoán para compartir un lubrigante á prancha e uns percebes con Julio Iglesias e co Sr. Oubiña. Ganancia neta para todos, pois.

3) O presidente do Banco Central Europeo, Jean-Claude Trichet, e o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez,  “avisan do perigo de atrasar a reforma laboral”,  porque “as reformas estruturais xa non se poden evitar nin pospor. A carga da crise caeu de maneira desproporcionada nos traballadores temporais, namentres que os fixos apenas sufriron pequenos desaxustes”.

É que non pode ser. Como é que eses fillos de puta de traballadores fixos fican así, como se nada, coa crise que hai? Imos a por eles -VIVA A IGUALDADE-, fáganse reformas par abaratar e facilitar o despido. DESPEDIR É  A MELLOR OPCIÓN PARA FOMENTAR O EMPREGO!

E se, ademais, eliminásemos o salario? Poderíase pagar o xornal en forma de bono, intercambiábel por produtos no economato da empresa. E se suprimísemos a limitación de xornada? E se nos cargásemos as vacación remuneradas, as pagas extras, a Seguridade Social? Tamén son boas ideas. Estaríamos así estendendo a igualdade ao conxunto, sen discriminacións.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río