PUBLICIDADE
Xoves, 18 de marzo de 2010
BLOG XABIER CID
Xabier
Cid
Xornalista
OS NACIONALISTAS AVANZAN CARA AO REFERENDO
John Moore e a independencia de Escocia
De onde John Moore opina sobre a celebración posible (pero non probable) dun referendo sobre a independencia de Escocia, e sobre o aumento das competencias do país. Tamén, de cando John fala de cervexas e de países.
 01.12.2009 | 12:44

Alex Salmond Alex Salmond

Cando chegamos ao pub, John Moore dime que pida un par de pintas de Guinness. Estráñame, porque nós sempre bebemos cervexa tradicional de pequenas marcas locais, pero el teima co da Guinness, e non llo discuto. Son pouco cervexeiro, en xeral.

O tema da conversa non podía ser outro: o primeiro ministro escocés, Alex Salmond, presentou onte a súa proposta de vía á independencia. Pra chegar a ela os cidadáns escollerán en referendo (se se chega a celebrar) entre varias propostas aínda sen definir, pero que poderían ser aproximadamente quedar como están, aumentar as competencias un tanto, aumentalas moito (deixando fóra exteriores e defensa) ou aumentalas de todo e declarárense independentes. Coméntolle a miña desconfianza a Moore sobre a viabilidade da proposta: o respaldo popular é importante, pero non abondo (ao redor dun terzo, que varía segundo a pregunta da enquisa) e non ten votos na cámara pra conseguir que se celebre o referendo.

—Ten presente unha cousa —dime John—, Alex Salmond non é un traballador social das rúas de Chicago. Profesionalmente é economista e corredor de apostas. Sabe diso. Creo que todos sabemos que é moi difícil, pero que o será menos con Cameron —o conservador, aclaro eu— en Downing Street.

—Pero nin sequera ten poder para convocar o referendo. Laboristas, conservadores e liberais van votar esta primavera contra a súa celebración ...

—É certo. Dos outros era previsible, pero dos liberais... Que máis liberdade hai que votar en referendo?

—Entón es partidario de facer un referendo polo que cadre? Mira prós minaretes de Suíza...

—Entre facer un referendum todos os venres sobre cuestións que atacan os dereitos humanos, e facer un referendo cada cen anos, hai algúns termos medios interesantes.

Teño falado moitas tardes con John Moore. Nunhas paréceme un afervoado militar escocés. Noutras unha triste pantasma dun xardín afastado. Non sabería dicir o que pensa realmente dunha Escocia independente, e pregunteille de forma directa.

—Mira, teño a casa na Coruña. Non teño restricións ningunhas pra moverme no espazo e no tempo. E ínchome a haggis e a chocolatinas rebozadas se me peta. En termos prácticos, a independencia significaría ben pouco pra min, e non moito máis prós escoceses e as escocesas.

—Entón ti que votarías?

—O voto irá, polo que se intúe, sobre dúas cousas distintas. Dunha banda están as competencias: se tes máis competencias, e se podes xestionalas mellor, a vida das xentes mellorará. Tamén se pode facer peor, claro, e as vidas das xentes irá a peor. Despois está o tema da marca, da bandeiriña, do equipo olímpico escocés, de catro ou oito eurodeputados, etcétera. Hai lugares con moitas competencias que non teñen marca, e lugares que teñen marca e que non teñen apenas competencias. Anque se inclúan no mesmo referendo, en realidade estaranse votando dúas cousas distintas.

—Pero non me respondeches... que votarías?

—Sabes por que estamos bebendo unha Guinness? Porque se tomamos calquera das ales escocesas que pedimos normalmente, os que len A Nosa Terra Diario non teñen nin idea de a qué sabe o que estamos bebendo. Se pedimos unha Guinness, si. Por iso a marca vale moito carto. E ninguén regala unha marca.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río