Redacción . A deputada do PSdeG e ex conselleira de Pesca, Carme Gallego, esixiulle á Xunta que explique a concesión de 3,9 millóns de euros en axudas públicas á empresa Biomega Nutrición, propiedade do empresario Manuel Antonio Vidal Pego, que foi condenado 'internacionalmente' no 2003 por pesca ilegal do seu buque Viarsa.
Flota amarrada na Coruña.
A parlamentaria socialista alertou da necesidade de realizar un "control efectivo" a esta empresa dedicada á transformación e venda de produtos do mar, para "evitar" que sirva como "medio de comercialización de pesca ilegal".
Gallego demandoulle ao Goberno galego saber por que concedeu hai dúas semanas a través do Consello da Xunta esta axuda á compañía de Vidal Pego "tamén propietario de empresas como Viarsa", e cuxo buque de mesmo nome foi apresado en Australia por pesca ilegal.
Sen control nas subvencións
Ademais, reclamoulle á Xunta que explique "o motivo" para non seguir empregando os mecanismos de control ás subvencións públicas posto en marcha polo anterior goberno.
"De novo o PP apoia os que pescan ilegalmente, así como apoiou a estratexia dos piratas no secuestro do Alakrana", lamentou Gallego. Xunto a isto, recordou que estas situacións son "recorrentemente" denunciadas internacionalmente por organizacións ecoloxistas.
Descargar Tarifas