PUBLICIDADE
Xoves, 18 de marzo de 2010
O deputado nacionalista pídelle ‘claridade e contundencia’
Anxo Quintana: 'Feixóo debe asegurar unha caixa con sede en Galiza'

Europa Press O ex vicepresidente da Xunta e deputado do BNG Anxo Quintana reprende o xefe do Executivo galego, Alberte Núñez Feixóo, por confundir ‘liberalismo con escaqueo’ no proceso de posíbel fusión das caixas galegas. Ademais, esíxelle garantías de que a comunidade contará, ao termo dos movementos, ‘con algunha caixa, máis grande ou máis pequena, pero con domicilio social e fiscal, centro de decisión e obra social en Galiza’.

Reloxo 29.11.2009 | 18:47
TAGS: Quintana , deputado , BNG , caixas ,

Anxo Quintana, deputado do BNG Anxo Quintana, deputado do BNG. Pepe Ferrín / AGN

"Este partido ou o gaña Galiza ou o perde Galiza", sentenza Quintana nunha carta aberta publicada en varias cabeceiras de tirada autonómica, na que lle reclama a Núñez Feixóo, "polo menos, un pronunciamento rotundo en dous aspectos que, con tanta prórroga, cada día se fan máis urxentes" a xuízo do nacionalista.

En primeiro lugar, require do presidente da Xunta que diga "con claridade e contundencia" que a posíbel fusión de Caixa Galicia e Caixanova "non será unha absorción dunha por outra", despois dunha semana na que mantivo unha rolda de contactos cos presidentes de ambas as dúas entidades, cos líderes das formacións políticas, os sindicatos e as asociacións de empresarios de Galiza.

Ademais, a decisión que finalmente se adopte debe significar "unha estación final e non un apeadeiro de empalme para enganchar todo o tren financeiro do país a unha locomotora foránea", explica Quintana.

En referencia a este mesmo punto, o tamén presidente do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos alude ás discrepancias entre o PP galego e "a dirección española do partido". "Vostedes dedícanse tamén a articular fusións e absorcións", recrimina, matizando que o fai "coa desconfianza propia de galego".

"Para Galiza e dende Galiza"

Un segundo punto fundamental para o deputado do BNG é que Feixóo comprometa que utilizará as prerrogativas legais que ten "e as que o Parlamento galego está disposto a outorgarlle" para que, ao final deste proceso, quede asegurado que, "polo menos, Galiza contará con algunha caixa, máis grande ou máis pequena, pero con domicilio social e fiscal, centro de decisión e obra social en Galiza". "Para Galiza e dende Galiza", incide.

Ao respecto, fai referencia á acción da formación frontista neste tema na Cámara galega, que cualifica de "máis leal imposíbel", ao "facer coincidir no tempo unha proposta aprobada polo pleno para modificar a lei de caixas". Entre outras cousas, subliña que a reforma lle dará "máis poder sobre elas".

Dirección ‘española’ do PP

“Pero polo de agora vostede parece disposto a conceder na cuestión das caixas máis prórrogas que as outorgadas para a chegada do AVE”, reproba, e advírtelle de que, "con tanto tempo, á xente lle vai dar por pensar e recordar as rotundas afirmacións da dirección madrileña do PP, ao que vostede pertence".

Con motivo da designación do presidente de Caja Madrid -Rodrigo Rato-, a cúpula dirixente, enfrontada coa da Comunidade de Madrid, expresou que "o PP non é un partido federal e esas decisións as toma a dirección nacional (española) do partido", recorda Quintana.

Tamén en clave estatal, o nacionalista repróchalle aos deputados galegos do PP o seu "entusiasta" apoio ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que ve "a badalada inicial" no "tolo partido" de fusións e absorcións, así como o inicio do "intento de eliminación das competencias autonómicas sobre elas".

Localismo, ‘tremenda lacra’

"No canto á tremenda lacra do localismo", en referencia ás voces críticas xurdidas ao norte e ao sur de Galiza ante unha posíbel fusión, o ex vicepresidente da Xunta dille a Feixóo que non está "en bo lugar" para "sentar doutrina antilocalista", xa que o PPdeG -argumenta- "fixo unha gran contribución condecorando a un ex alcalde herculino -Francisco Vázquez- famoso polo seu credo e práctica antilocalista".

"Gobernar é decidir, señor presidente", advírtelle para rematar pedíndolle que "non sexa un árbitro imparcial" porque considera que "esta non é unha competición deportiva na que o importante é que gañe o mellor".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río