Redacción . O PPdeG avanzou que as emendas que o grupo parlamentario lle prepara ao texto do BNG para a reforma da Lei de Caixas buscarán reducir o ‘excesivo intervencionismo’ na actividade das entidades financeiras que propón a formación nacionalista, mentres o PSdeG adiantou que traballa en cinco ámbitos e que a súa proposta suporá cambios ‘considerábeis’.
O deputado 'popular' Pedro Puy explicou, en declaracións a Europa Press, que o grupo xa dispón duns "borradores" que está a adaptar á iniciativa do BNG, pois, ao ser aprobada a súa toma en consideración, caben unicamente emendas parciais. "Hai aspectos da lei do BNG que non nos gustan nada", dixo e considerou que propón "unha banca pública". "Até marca niveis de investimento", censurou. Puy indicou que o documento dos 'populares' aínda non está finalizado -o prazo para presentar emendas expira o próximo 12 de decembro, dentro de dúas semanas- e reiterou que introducirá representación autonómica nos órganos de dirección das caixas. Pola súa banda, o deputado do PSdeG Xaquín Fernández Leiceaga, avanzou que a súa proposta "emendará considerabelmente" o texto do grupo nacionalista pero que aínda están a estudala. Os puntos básicos que centrarán a atención do PSdeG son a composición dos órganos de goberno das entidades e a súa forma de elección, aínda que non indicou o número de representantes autonómicos que os socialistas defenderán. Ademais, o PSdeG reclamará que se regule a obra social e se protexan os dereitos dos consumidores nesta modificación da norma, que actualizará un texto aprobado hai 25 anos, aínda que retocado fai 13. A proposta pasará tamén por estabelecer criterios respecto aos investimentos das caixas e por regular "formas novas" de integración de entidades, como os SIP (Sistema Institucional de Protección), "coa idea de reforzar a galeguidade".
Pleno do Parlamento.
Descargar Tarifas