Manuel Vilas . A plataforma que xunta aos independentistas organiza o domingo, Día da Constitución, unha manifestación en Compostela. O seu voceiro, Pedro Alonso, argumenta nesta entrevista que 'a Constitución perpetúa unha Galiza subalterna' polo que non confía na reforma dun Estatuto por parte dun PPdeG que, na súa opinión, está nas antípodas do que defendía o seu ex-secretario xeral Xosé Cuíña.
Pedro Alonso, voceiro de Causa Galiza
Que colectivos forman parte agora mesmo da plataforma Causa Galiza?
Formamos unha plataforma social e política que procura aglutinar a todos os que consideran necesario superar o marco xurídico político actual e reivindicar abertamente o dereito á autodeterminación; decisivo para podermos enfrontar con éxito problemáticas que inciden directamente sobre a nosa existencia como pobo diferenciado. Neste sentido, a nosa composición vai desde colectivos culturais e ecoloxistas até formacións políticas soberanistas.
Mañá está convocada unha manifestación en Santiago. Cales son as expectativas de mobilización, sobre todo no referido ao número de persoas que asistan?
Pretende ser un contrapunto no dia no que as forzas que negan o dereito de autodeterminación celebran unha Constitución que perpetúa que Galiza fique nunha posición subalterna. O noso principal obxectivo é consolidar esta data no calendario reivindicativo e, aos poucos, ir reforzando a capacidade para involucrar á base social soberanista. Este ano é a primeira vez que convocamos esta manifestación en Compostela, abóndanos con facernos ouvir polas súas rúas dunha maneira digna. Ignoramos se iso será posible sen sufrir provocacións por parte das forzas de orden público.
Causa Galiza argumenta que o país ten a “necesidade urxente de autodeterminación”. Pero en que melloraría a vida cotiá dos galegos de conseguirse ese dereito?
Hai un secuestro permanente de competencias por parte do Estado. Baixo o marco vixente non podemos aspirar a lexislar en materias básicas para o noso pobo. Non podemos pretender resolver o dramático proceso de empobrecemento demográfico que afecta ás comarcas do interior sen reformar en profundidade a organización territorial, os impostos ou a xestión de recursos estratéxicos. Dotar de incentivos para fixar poboación no interior, por exemplo, só se pode facer, con garantías de éxito, desafiando o marco de competencias vixente e reclamando directamente o que é noso.
Por que a mellora do Estatuto de Autonomía, que o PPdeG di que pretende reformar nesta lexislatura, non abondaría para satisfacer esas demandas?
Se esa reforma contemplase o dereito a decidir colectiva e libremente o noso futuro, sen dúbida bastaría. Mais o PPdG está nas antípodas desas coordenadas e lonxe fica o tempo no que Cuíña situaba ao seu partido na fronteira da autodeterminación en presenza de Aznar no Monte do Faro. Hoxe non pode haber “medias tintas”. Debemos apostar decididamente polo que é noso, abondaron 27 anos de malabarismo ideolóxico e retórica envolvente.
A convocatoria de referendos sobre independencia en Cataluña levantou certa polémica na opinión pública estatal. Sería posíbel organizalos en Galiza?
Cataluña goza dunha base soberanista moi forte e dunha capacidade de mobilización que non podemos emular. Nese contexto, todo o que sexa evidenciar o desapego popular ao sistema uniformista español é válido. Desgraciadamente, na nosa terra non podemos aspirar a tales efectos, aínda que non podemos desbotar que en pouco tempo agromen focos arredistas con grande implantación na mocidade.
O independentismo logrou até o de agora resultados moi modestos a nivel electoral. Trátase ademais, dunha opción que está dividida entre varias siglas, sendo Causa Galiza o vínculo de colaboración estable entre elas. Na súa opinión, sería positivo que estes grupos se artellaran nunha única coalición electoral?
O traballo diario fai aparecer subxectividades que son máis valiosas que horas de conversas políticas ao redor dunha mesa de negociación. Ademais, ese traballo pon a cada quen no seu sitio e clarifica as posibilidades de avance. Se despois desa dinámica de traballo común non somos capaces de artellar un referente válido para superar o teito electoral do que falas, seguiremos a traballar na base. A renuncia non entra nos nosos plans.
Ves posíbel esta coalición a medio prazo, por exemplo, nas próximas eleccións locais?
Isto é un tema no que non se ten falado seriamente aínda, porque o importante, como digo, é soldar firmemente os vínculos, as coincidencias e as prioridades políticas e ideolóxicas. O resto virá dado.
Descargar Tarifas