PUBLICIDADE
Xoves, 11 de marzo de 2010
Reunión entre os líderes sobre as caixas
Solvencia e galeguidade, as esixencias dos tres grupos

Europa Press O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, e os máximos responsábeis de PSdeG e BNG, Manuel Vázquez e Guillerme Vázquez, respectivamente, acordaron reunirse de novo, 'en canto acaben' os traballos técnicos que iniciaron hoxe as dúas caixas galegas –Caixa Galicia e Caixanova– coa Consellaría de Facenda, para analizar as conclusións e situarse 'de forma conxunta' sobre o futuro das entidades.

Reloxo 25.11.2009 | 17:10

Alberte Núñez Feixóo, en rolda de prensa. AGN
Así o confirmou Feixóo na rolda de prensa, na que interviñeron os tres dirixentes, posterior á reunión de máis de dúas horas e media que mantiveron para abordar se o futuro das dúas entidades financeiras debe pasar pola súa fusión. As forzas da oposición concordan coa Xunta en que as dúas condicións para as operacións que propoñan as caixas son "solvencia e galeguidade; galeguidade e solvencia", dixo o máximo mandatario galego.

Con estes dous requisitos "o marco, como é natural, estréitase moito", recoñeceu e expuxo que o Goberno galego e PSdeG e BNG avanzan polo "mesmo camiño", en relación a estas dúas condicións. No contexto actual debe seguirse unha "estratexia de país", agregou Feixóo, quen reclamou que isto sexa unha prioridade para "todas as institucións". "E cando digo institucións, digo caixas", resolveu.

O BNG, a prol da fusión

Unicamente o portavoz nacional do BNG explicitou a súa postura a favor da fusión de Caixa Galicia e Caixanova; mentres que Manuel Vázquez se limitou a afirmar que o PSdeG aposta por que as caixas "teñan os seus centros de decisión en Galiza" e que as decisións que se tomen "redunden nas súas fortalezas".

O máximo mandatario galego concretou que, unha vez terminados os traballos técnicos, convocará en "24 horas" os dous responsábeis das formacións da oposición. A postura, espera, será coincidente "se non ao cento por cento, ao 99 por cento".

O responsábel dos socialistas indicou que será tras esa segunda reunión, cando o Goberno galego dea a súa postura definitiva, o momento no que o seu partido fará pública a súa opinión, mentres que o representante dos nacionalistas declarou que apoiará "calquera posición que signifique que Galiza queda coas caixas".

Coincidencias
Feixóo asegurou que o tratado no encontro "vai contribuír claramente na toma de posición da Xunta". "Coincidimos as tres forzas políticas que Galiza debe manterse no mapa financeiro español, que as caixas deben evolucionar e non quedar estáticas e que as caixas deben sumarse a unha estratexia de país", defendeu e concluíu que, xa que logo, o posicionamento de ambas as entidades debe facerse "pensando en Galiza, na súa galeguidade e na súa solvencia".

O presidente da Xunta resumiu en tres os "consensos básicos" alcanzados na reunión, que son "manter o mandato parlamentario para preservar a galeguidade" das "entidades resultantes"; buscar un consenso parlamentario na reforma "inmediata" da Lei de Caixas, aprobada onte; e esperar ao termo dos traballos técnicos entre Caixa Galicia, Caixanova e Facenda para volver reunirse e "situarse de forma conxunta".

"Aceptaremos ou rexeitaremos os informes que presenten as caixas a condición de que eses informes estean de acordo cos criterios de solvencia e galeguidade", insistiu e proclamou que "só" atenderán ás dúas condicións expostas.
Acordo político
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG cualificou de "boa para Galiza" a reunión e considerou que este é "un punto de partida favorábel" e que o itinerario a seguir debe levar a unhas caixas "solventes e útiles".

O portavoz do BNG reafirmouse en que a postura da formación é a favor da fusión e destacou que, se existe un acordo político respecto diso, "seguro que vai ser decisivo" para que as entidades se orienten nun ou outro sentido.

Ambos se comprometeron coa reforma da Lei de Caixas, na que o presidente galego pediu buscar "o maior consenso posíbel" e aprobar o texto coa maior celeridade, para o que o PP pedirá que se habilite o mes de xaneiro no Parlamento.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río