PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Feixóo reúnese co BNG e PSdeG
As caixas tentan buscar unha 'estratexia común'

Europa Press Altos directivos de Caixa Galicia e de Caixanova están convocados pola consellaría de Facenda para iniciar a análise dos datos técnicos sobre a situación económica das dúas caixas galegas co obxectivo de intentar articular unha ‘estratexia común’. Este martes, o presidente da Xunta deulles un prazo máximo dunha semana para decidir solucións dentro do panorama de reestruturación financeira. Mentres, Feixóo continúa coa rolda de contactos para analizar o futuro das caixas.

Reloxo 25.11.2009 | 08:43

Xosé Luís Méndez e Xulio Fernández Gaioso Xosé Luís Méndez e Xulio Fernández Gaioso. Pepe Ferrín / AGN

Fontes de Caixa Galicia expuxeronlle a Europa Press a súa satisfacción pola decisión da Xunta, como "regulador" das caixas, de buscar unha negociación das dúas entidades galegas para decidir "se se pode facer un bo proxecto de fusión e facelo o antes posíbel, ou abrir outras vías cun plan B". Así, estas fontes indicaron que á vista dos datos técnicos habería que decidir se a fusión "sería viábel", pero puntualizaron que se ao final non se chega a un proxecto conxunto, abrirá "outra vía canto antes".

Pola súa banda, fontes de Caixanova limitáronse a transmitir que a entidade con sede en Vigo está aberta a "estudar a proposta da Xunta e despois expoñer a súa valoración", pero recordaron que o seu presidente, Xulio Fernández Gaioso, "xa presentou hai semanas a súa proposta" -na que rexeitou a vía da fusión con Caixa Galicia- e que polo momento se mantén "na mesma liña".

Mentres Caixanova evitou pronunciarse sobre o anuncio do presidente da Xunta de que impulsará "no menor prazo posíbel" a reforma da Lei de Caixas para "reforzar os labores de protectorado" sobre as caixas, as fontes de Caixa Galicia consultadas aplaudiron esta iniciativa e amosáronse abertas a que a Xunta reforce a súa representación no seu consello de administración. "É adecuado reformar a lei para adaptala aos novos tempos e estamos a favor de todo o que sexa aumentar os controis, a profesionalización e a mellora da transparencia", apuntaron.

En calquera caso, tanto fontes da Xunta como de Caixa Galicia indicaron que en virtude da vixente lexislación autonómica en materia de caixas, xa está previsto que un sistema institucional de protección (SIP) -vía formulada por Caixanova- require tamén a autorización expresa da consellaría de Facenda.

Para soster este extremo ampáranse no artigo 35.3 da lexislación vixente, no cal se sinala que "o consello de administración poderá delegar algunha ou algunhas das súas facultades de xestión nos órganos de goberno das entidades que constitúan e articulen alianzas entre caixas de aforros ou os creados ao efecto no seo da Confederación Española de Caixas de Aforros", pero apunta que estes acordos "requirirán a autorización previa" da Xunta.

Rolda de contactos de Feixóo

Tras a reunión de onte co director xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, e co presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gaioso, o presidente da Xunta reunirase hoxe co secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, e co voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, para analizar o futuro das caixas galegas, aínda que fontes do Goberno puntualizaron que non poderá dar todos os datos dos que dispón dada a confidencialidade dalgúns detalles financeiros.

O BNG acode a esta reunión coa postura de apoio á fusión das caixas, mentres que o PSdeG non definiu unha postura autonómica, pero por exemplo o alcalde de Vigo, Abel Caballero, rexeitou a integración de ambas as dúas entidades, mentres que o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, que é vicepresidente de Caixa Galicia, ten apostado publicamente pola integración das dúas entidades.

Mañá será a quenda da patronal, que acudirá ao encontro con representación das organizacións provinciais. Os secretarios xerais dos sindicatos -UGT, CC OO e CIG- están convocados a un encontro con Feixóo o venres, ás 10h00. O pasado xoves, o máximo mandatario galego dérase un prazo de 10 días para consensuar unha decisión sobre o futuro das caixas galegas.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río