Redacción . O Conselleiro de Economía e Industria, Xavier Guerra, presentou no Parlamento o proxecto de lei que regulará o aproveitamento eólico en Galiza, co que a Xunta pretende 'aportar seguridade xurídica ao sector, racionalizar o procedemento administrativo de autorización, garantir os plans industriais asociados aos proxectos e unha compensación aos territorios afectados, ademais dun retorno para os cidadáns'.
A necesidade de transparencia foi un dos argumentos que esgrimiu Xavier Guerra para abrir o debate en torno a esta Lei, para a que solicitou as aportacións de todos os grupos. Tamén manifestou a oportunidade de “deixar pechado o debate da anulación do concurso eólico que se levou a efecto polo anterior goberno” e que, segundo declarou, presentaba sete grandes problemas. Pola contra, o conselleiro indicou que o novo proxecto responde á necesidade dunha Lei integral sobre o sector eólico que “aporte a seguridade xurídica imprescindíbel para o desenvolvemento dunha actividade económica con garantías para todas as partes”. Dende o seu punto de vista, é unha lei que observa “de xeito escrupuloso” a liberdade de empresa e a liberalización do sector enerxético, desbotando calquera tipo de participación pública, o que estima vulneraría o ordenamento xurídico actual. Por outra banda, Guierra subliña que o proxecto contempla a compensación o conxunto de Galiza, e os concellos en particular, polo impacto na paisaxe e no hábitat dos territorios onde se instalen os parques eólicos, así como ás redes eléctricas de evacuación. Neste sentido, a lei formula a creación dun canon e un Fondo de Compensación Ambiental, a través do que se distribuirán os fondos recadados, que permitirán desenvolver actuacións de conservación e restauración do medio ambiente. O titular de Economía e Industria sinalou que o feito impoñíbel do canon será a xeración de impactos visuais e ambientais adversos sobre o medio natural e a base impoñíbel virá determinada polo número de aeroxeradores existentes en cada parque, estabelecéndose un baremo polo que se define a cota, gravando máis por unidade aqueles parques cun maior número de muíños. Asemade, o proxecto de Lei contempla "medidas que garantan o cumprimento dos proxectos industriais presentados polas empresas". Entre elas, Guerra salientou o estabelecemento dunha fianza que non se devolverá até que eses proxectos asociados non estean rematados, condición indispensábel tamén para poder vender as instalacións. Rede Natura O Conselleiro asegurou tamén que a Lei “non permitirá baixo ningún concepto a implantación de parques eólicos na Rede Natura actual nin na súa ampliación, así coma que no procedemento administrativo de autorización non se prescindira en ningún caso da declaración de impacto ambiental”. Finalmente, subliña que fronte ao concurso anterior, estabelécese un procedemento administrativo de selección de anteproxectos absolutamente transparente, seguido dun procedemento administrativo de autorización caracterizado pola axilidade na tramitación.
O conselleiro de Industria, Xavier Guerra.
1- A xeración dunha absoluta división interna no seo do Goberno anterior.
2- As tachas de ilegalidade observadas no decreto 242/2007, no que se baseaba o anterior concurso, por parte da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta e polo Consello Consultivo de Galiza.
3- A vulneración do Plan Sectorial Eólico vixente, admitindo catro parques fóra do mesmo.
4- A afectación da Rede Natura nun 20% dos MW admitidos (11 parques e 277 MW).
5- A participación pública da Xunta, ademais de non axustarse á normativa europea nin á estatal, imposibilitaba ingresos para a Autonomía durante os dous primeiros anos de funcionamento dos parques, mentres que coa posta en marcha da nova Lei o Goberno autonómico ingresará de xeito inmediato 25 millóns de euros. Asemade, calcúlase que nos 20 anos de vida útil dos parques, segundo o modelo anterior os dividendos libres que lle corresponderían á Xunta ascenden a 567.661.540 euros, mentres que co que presentou hoxe o conselleiro de Economía e Industria, os ingresos serán case o dobre, de 1.032.443.120 de euros.
6- O investimento efectivamente comprometido polo anterior modelo en proxectos de desenvolvemento económico e industrial suporía apenas 722 millóns de euros, fronte aos 5.500 millóns ofrecidos, e xeraría 1.350 empregos directos e 572 indirectos fronte aos 3.000 que se prometían.
7- A ausencia de coordinación de esforzos con Rede Eléctrica, sabendo que os 2.300 MW do concurso non terían garantida a súa evacuación ata 2016”.
Descargar Tarifas