"Porque cuanto más veteranos, más
pacientes. Esta lucha no es para ‘apuraditos’. Esta lucha es para consecuentes”. ¿De qué lucha hablo?: "Creo en
las ideas fundamentales –porque de lo contrario sería no creer en la vida–, pero hay que tener la audacia de revisarlo todo” porque “si se pierde el camino al corazón de las masas, todo lo demás es mera filosofía militante de boliche”.
Pepe Mujica
A segunda volta das eleccións de Uruguay, co sistema de balotaxe, celébrase este domingo 29 de novembro, unha característica do sistema electoral do pais charrúa, que provoca tremendas contradicións pois o Frente Amplio (FA), cun 47% dos resultados electorais da primeira volta, non podería gobernar en solitario, produto da última reforma constitucional que se fixera co propósito de evitar que o FA gobernase algún dia. Fallaron os prognósticos dos augures conservadores, fallou a tentativa desesperada de agravios e mentiras lanzados dende emisoras de radio e televisión, ordenados polo Partido Nacional e emitidos de forma anónima o 6 de novembro. Qué ten Pepe Mujica, qué ten a fórmula de gobero do Frente Amplio, Mujica-Astori, ambos ex senadores e ex ministros, un de Agricultura-Gandaría-Pesca e outro de Economia. En primeiro lugar, o carisma indiscutíbel de Pepe, como lle chama o pobo, e por suposto, un traballo feito do goberno de Tabaré Vázquez nos pasados cinco anos, que supuxo un cambio trascendental para este pequeno pero grande pais do Rio da Prata, un programa discutido cos grupos de base, intercambiado e consensuado coas necesidades da xente, realista, avanzado.
De Pepe dicir que impresiona, impresiona pola tremenda sinxeleza, pola palabra comprensíbel, porque fala como a xente, porque é austero, pola súa tremenda cultura que desborda e que traduce en frases que todo o mundo entende, porque como dicía hai pouco alguén, porque te deixa pensando. Un home capaz de traballar coa diversidade e a pluralidade de ideas que ten o Frente Amplio, e de construír consensos e unidades. Un home que como outros e outras militantes tupamaros como Sendic, Huidobro, Marenales estiveron presos e illados en condicións terríbeis, e superando ese pasado, sen xenreira, como Mujica, apostaron por evolucionar e aspirar a ser gobernantes. Decia del Sendic que "era tremendamente aberto, tanto que daba medo" Mujica foi criticado polas elites uruguaias polo seu pasado tupamaro, por non usar gravata, por ser ese home sinxelo que a xente entende, por plantar flores e coles na súa chacra, coa súa compañeira de vida e de loita, a senadora Lucia Topolansky, que encabezaba a lista do Movimento de Participación Popular, que foi a lista máis votada co 33,68% dos votos (364.696 votos). Todo valia con tal de deostar o candidato máis popular e querido da historia do Uruguay. É un síntoma dos conservadores en todas partes do mundo, deostar e degradar o adversario con sistemas onde todo vale, con tal de lle facer crer ao cidadán partes das mentiras. Mais o pobo uruguaio pasou moitas, veu como se levaban os seus capitais, como de ser un país rico cun sistema de educación e uns niveis de desenvolvimento únicos na área sudamericana, o pais degradouse polo abuso, pola ditadura, pola fuga e privatización de capitais, polo desmantelamento do sistema produtivo, pola fuxida de cidadáns cara á emigración e o exilio, e xa non aceptan iso, viron que existia outro xeito de facer política que era consecuenta entre o que dicía e a práctica, como fixo o Frente Amplio, que mesmo con erros como a criticada posición de Tabaré a respecto da lei do aborto, e outros temas, demostrou a coherencia na aplicación dun proxecto político.
Mujica, como cabeza desta fórmula electoral, xunto ao economista Astori, nesa lúcida expresión máxima de chegar dentro dunha forza política a un consenso interno exteriorizado cara a fóra nunha única voz, non falan por falar. Llevan meses traballando con equipos na formulación do programa electoral, percorrendo un disperso pais, agrario e sen comunicacións fortes, levan meses transmitindo que van ser iso, o que di o lema da intelixente e consensuadora fórmula de goberno: "Un goberno honrado, un pais de primeira". A xestión futura pretende que haxa un crecemento económico do país dun 30%, para crear 200.000 postos de traballo, apostar pola infraestrutura produtiva. Exemplos como o Fondo de Desenvolvimento Rural ou o Plano de Pesca Artesanal (Uruguay é un pais que con tantos recursos vive de costas á pesca), Crecemento do país dun 30%, medidas impositivas como a redución en dous puntos do IVE, maiores deducións no novo IRPF, medidas sociais como o fondo de garantia de créditos salariais, maior equidade de xénero, mellor sistema de negociación colectiva, acordo nacional de emprego para a mocidade, medidas para evitar a fuxida emigrante, un sistema nacional de cultura, maiores investimentos no sistema educativo e aposta profunda pola innovación e o coñecemento.
Foron exitosas moitas medidas do goberno presidido por Tabaré, das que citamos algunhas: hospital de ollos, consellos de Salarios, promoción de creación de sindicatos, recuperación salarial (23% promedio), regularización de empregadas domésticas, 4,5 % do PIB en educación, cancelación da débeda co FMI, Plan Ceibal –un neno, unha computadora; saúde bucal para a infancia– Plan Cardales, combate frontal ao narcotráfico, plan de equidade, loita contra o tabaquismo, inclusión de 350.000 persoas no plan de cobertura de saúde antes inexistente, diminución real da pobreza que alcanzaba en 2005 un 39% da poboación, lei de oito horas para os labregos, aumento de asignacións familiares nun 60%, creación de 180.000 postos de traballo, aumento do PIB nun 7,1% de promedio anual –en plena crise mundial–, crecemento das exportacións nun 43%, aumento do turismo, investimento en investigación e invención, aumento do investimento público nun 80% aumento do consumo nun 32%, máis cobertura no seguro de desemprego, cómputo de anos de traballo a nais con fillos-as, educación para adultos, entrega de hectáreas de terra a colonos, etc etc). As previsións catastrofistas de Luis Lacalle fracasaron, e por suposto puxeron en evidencia que se pode aplicar un programa de esquerdas no goberno.
A Pepe, e ao Frente Amplio, toda a sorte este domingo, toda a esperanza de poder seguir construíndo un mellor futuro para uruguaias e uruguaios, e para as galegas e galegos que ali tamén viven. Ainda que como di Pepe, "a sorte só vai ben se se constrúe".