PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
BLOG ANA MIRANDA
Ana
Miranda
Política
Novas caras no poder da UE
Perfís baixos para dirixir Europa e paridade
O Tratado de Lisboa xa ten os seus dirixentes. No proceso de elección quedan definidas as liñas cuestionábeis e de dubidosa democracia da actual UE.
 21.11.2009 | 21:25

Van Rompuy e Catherine Ashton, novos altos cargos da UE Van Rompuy e Catherine Ashton, novos altos cargos da UE. Reuters

Barroso, Van Rompuy, Ashton... estes tres nomes van ser os dirixentes europeos con maior poder da Comisión Europea e o Consello. Uns nomeamentos no que xogan as bazas da xeografia, o peso dos Estados e os equilibros tácticos das familias políticas europeas. A xornada de antonte pon en evidencia novamente o procedemento decisorio tan cuestionábel e pouco democrático de elección destes representantes imposto no novo Tratado de Lisboa. Novos cargos elexidos, dun xeito tan pouco transparente e a porta pechada, que fan coincidir os analistas políticos e medios de comunicación na elección de perfís baixos para unhas responsabilidades tan fortes. De Van Rompuy, político democristián flamengo dise que é hábil politicamente e xerador de consensos, moderador do conflito valón-flamengo, que uniu os 27 estados membros en detrimento de candidatos como Blair, o holandés Jan Peter Balkenende ou a ex presidenta letoa Vaira Vike-Freiberga. O flamengo vai ter que ocuparse como presidente da Unión de presidir o Consello Europeo, que como ben sabedes, é a reunión dos xefes de Estado europeos, de informar o Parlamento Europeo e da representación internacional da UE. O seu perfil fai apuntar que vai ser máis un moderador para atopar consensos entre 27 Estados divididos que un verdadeiro líder. "Un gentleman sen coraxe e valentia, posibelmente, democristián practicante e monárquico en exercicio", dime Günther Dauwen, flamengo da ALE. Todo apunta a que a parella política Merkel-Sarkozy querian pór á fronte destes postos dirixentes que  non lle fixesen sombra. E dende logo, conseguírono. Coincide a prensa europea na análise: baixo perfil, baixa relevancia, medianía, reparto entre as familias políticas, contención de perfís máis carismáticos, escurantismo na decisión, pouca transparencia. É que os nomeamentos do Consello nunca foron transparentes, nin tampoco o de Javier Solana no pasado. O Consello é rotundamente antidemocrático, e vén de vello. E o peor, a creación desta nova figura dálles aínda máis peso aos Estados, en detrimento do goberno europeo que deberia representar a Comisión, dobregada aos Estados, como podemos comprobar.

A outra elixida, a Alta Representante para Política Exterior, a británica Catherine Ashton, até agora e dende hai un ano comisaria de Comercio, que ademais vai ser vicepresidenta da Comisión Europea, vai ser a responsábel de Política Exterior e de Seguranza común, voz internacional de Europa e representación noutros organismos multilaterais internacionais, así como dirixir o servizo da diplomacia europea, co que se ven aumentadas as competencias que exercía Solana. A familia política da socialdemocracia europea reuníase antonte á tarde para facer entrar en razón a Gordon Brown sobre a obstinada idea de impor a Blair para a presidencia do Consello conscientes que a idea de propor a D´Alema ou Moratinos para o outro posto fracasaba, ficando así a alternativa de elixir unha muller, pola reclamación de moitas voces de mulleres. Da laborista Ashton, a quen escoitei en varias ocasións en audicións no Parlamento, dicir que é unha boa oradora e que sabe escoitar, niso coincidimos os grupos de esquerda, mais tamén que ten moi pouca experiencia internacional. A súa elección é consecuencia das circunstancias, era un posto socialista, porque pactaran que o presidente do Consello seria un dirixente de centro-dereita, das demandas de que houbese unha muller nunha das dúas responsabilidades. A paridade era necesaria, mais tendo en conta as poucas propostas de comisarias por parte dos Estados, só catro ate o momento, a paridade non se cumpría. Coido que o argumento de que fose unha muller foi tomado dalgún xeito contra a calidade e experiencia da candidata. A loita pola igualdade para ter máis mulleres en postos decisores na política nunca debe ser separada das capacidades e calidades políticas e profesionais, porque se non o argumento cae por si mesmo. O traballo desta muller, cualificada de baixo perfil, vai pois depender da súa capacidade de traballo e da apertura a traballar conxuntamente coa única intitución que se elixa democraticamente, o Parlamento Europeo, onde xa estamos preparando un longo listado para reunirnos con ela cando veña á audición: temas como a constitución do Estado Palestino e o dereito de autodeterminación do pobo saharauí, os acordos de comercio da Unión Europea con América Latina, os acordos de pesca, as migracións, o cuestionamento da política comercial europea a nivel internacional, a necesidade de posicións propias en política exterior de condena a agresións como a de Gaza de decembro pasado, do pobo kurdo, do golpe de Estado de Honduras, etc etc, e sen dúbida temas tan concretos como o tan debatido nestes dias como o da misión naval europea Atalanta, para que inclúa protexer a nosa flota atuneira.

Ambos nomeamentos son un exemplo do ánimo dos Estados de enfeblecer as institucións europeas. E mentres, as nosas nacións sen estado fican como estaban, a atopar resortes de defensa e presenza, que con este novo sistema non axuda senón que se agrava cunha Europa á baixa, pero con máis decisores que non garanten ningunha pluralidade nin recoñecemento para os nosos pobos, tamén europeos.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río