Redacción . O deputado do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, denuncia que o Goberno do PP se opoña a impulsar unha modificación legal que evite a existencia en Galiza de espectáculos que, como as touradas, 'se fundamentan no maltrato e tortura, até a morte, de seres vivos'.
Manifestación antitouradas en Pontevedra.
O deputado do BNG dirixíase esta mañá no Parlamento Galego á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellaría de Presidencia para que informase sobre as medidas que a Xunta de Galiza ten previsto adoptar ao respecto.
Lobeira subliñou na súa intervención que “o pobo galego non gosta das touradas, malia o histórico intento de introducilas na nosa sociedade, fundamentalmente por cuestións de carácter ideolóxico-político, vinculadas ás continuas tentativas de españolización cultural e lingüística da nosa nación”
Na súa resposta, o representante da Xunta informou de que o Goberno do PP “non contempla modificación legal ningunha porque non temos constancia dunha percepción cidadá contraria a estes espectáculos e porque é un debate que vén de longo e no que é difícil lograr consenso”.
“Pouco lles importa o consenso”
O deputado do BNG denunciou “a curiosa vara de medir do Goberno do PP: como non hai consenso non van modificar a lei; pero no ámbito da lingua tanto ten, a polo galego aínda que haxa 100.000 persoas na rúa”.
Ademais, disentiu coa opinión do representante da Xunta de que nos espectáculos taurinos en Galiza non se comete ningún incumprimento da normativa de benestar animal, “as novas que temos indican que de legalidade nada, en moitos casos non se cumpre a lei no que ten a ver co benestar animal”, retrucoulle.
Descargar Tarifas