Eva Estévez . Carlos Núñez (Vigo, 1971) é un dos músicos galegos máis universais. Soñador, confesa vivir cun pé na terra e outro no mar. Despois de tres anos vivindo no Brasil está convencido de que a pegada galega neste país é máis profunda que a portuguesa. De feito está convencido de que o Brasil é a Galiza do futuro, a que terá superadas as mesturas culturais e idiomáticas que agora tanto preocupan. Estes días promociona a música galega na BAFIM (Buenos Aires Feira Internacional da Música) cunha actuación no Teatro Coliseo da capital porteña.
Estivo un tempo fóra, preparando o seu último disco. Como atopou Galiza ao seu regreso? Foron tres anos de preparación, o último gravando o disco e un documental, pero sempre estiven en contacto, indo e vindo. Máis que a sensación de cambio tiña a sensación de que me sentía na miña casa nos dous sitios: o Brasil era Galiza, e Galiza era o Brasil. O seu último traballo titúlase Alborada do Brasil, unha alborada é unha composición moi galega. Que ten o Brasil en común con Galiza musicalmente falando? Alborada é unha palabra clave no imaxinario galego e no brasileiro. O Brasil está cheo de cultura galaica, de fogueiras de San Xoán, noites de luar, orballo, lobishome, corozas, luscos fuscos... Esa Galiza profunda está viva no Brasil, pero pouca xente pasou o choio de pescudar que pasa no terreo musical... Non é estraña esa conexión? Sempre nos dixeron que o Brasil era moi portugués, mesturado co africano e o indíxena, pero máis que portugués é galaico. Cando exploras no terreo musical está clarísimo que aquel Portugal que chegou ao Brasil hai 500 anos con instrumentos como a gaita era máis galaico, menos lusitano. O obxectivo deste disco é abrir ese grande segredo que esconde o Brasil que no fondo esconde unha Galiza, mesturada. Que tal de capoeira? Deulle tempo a aprendela? Eu non ía buscando ese lado turístico do Brasil que todos coñecemos. Busquei o lado galego, ese que non tivo as oportunidades do outro máis oficial de capoeira, samba e fútbol... En cada disco demostra que todo se pode fusionar e mesturar... Ese tipo de experiencias sempre sorprenden ou asustan. Co tempo as cousas van entrando no noso imaxinario e todo se normaliza. Para cando unha mestura con reaggae ou música electrónica? Neste traballo Alborada de Rosalía, está interpretada co Dj CIA e cantada en clave rap por Fernanda Takai, unha intérprete indie. E no Xotes universitarios aparece esa influencia do reaggae. Os brasileiros fan o balanzo do reaggae co acordeón ao que lle chaman gaita no sur do país e sanfona no norte. Cal é a súa nota musical favorita? (Pensa...) Todas? Eu non penso como os pianistas clásicos ou como o poder estabelecido da música que se fixo no Barroco en base ao temperamento. Eu creo na teoría dos afectos, que detrás de cada ton e cada modo hai un estado de ánimo. Dependendo dese intre no que esteas che pode apetecer un sol maior ou un mi menor. Que escoita ou a quen escoita vostede? Non sei se é porque son moi galego ou porque estou moi influído polos brasileiros, pero cada vez me gusta máis conectalo todo. Dalgún xeito en Galiza dáse esa especie de ópera do universo na que todo está relacionado: música, agricultura, solpor, poesía, estado de ánimo... Eu creo que isto é algo moi galego e moi ancestral. E isto foi algo que atopei nos negros do Brasil que tamén fan esa conexión e non escoitan senón olen. Entón vostede ole máis que escoita? Cada vez máis. Onde ten os pés Carlos Núñez? No mar. E camiña sobre o mar? Nos meus soños si. Sempre vivo cun pé posto na terra pero no mar. Vivo con esa dualidade: Don Quixote e Sancho. Na súa traxectoria os títulos dos seus traballos sempre soaron solemnes. Non obstante este último semella máis enxebre. É casualidade ou é froito dunha evolución na súa traxectoria? Quizais os primeiros títulos eran máis literarios, pero non nos esquezamos que alborada é unha verba evocadora por si mesma. Neste caso era importante crear ese imaxinario común galego-brasileiro. A cuestión da alborada pareceume un común denominador moi claro entre o Brasil e Galiza: o presidente do Brasil vive no Pazo da Alvorada construído por Oscar Niemeyer, exemplo de que alborada tamén é un referente para os brasileiros. Na súa ficha do Servizo Galego de Colocación consta como gaiteiro, artista...? Non o sei. Ten blog? Durante os tres anos de aventura brasileira fun facendo un diario ben gordiño. E estou a publicalo pouco a pouco con artigos en prensa e nos textos do disco, que son un resume das miñas anotacións nestes últimos tres anos. Vostede móvese moito polo mundo. Cal é o idioma que máis utiliza? Ensináronme como primeira lingua o castelán. Aprendín o galego na escola nos 70 e vinculeino á liberdade e á música dende os meus primeiros anos na Universidade Popular, por iso para min sempre foi a lingua da música. O francés tamén tivo unha importancia especial porque meu pai estivo exiliado na URSS, Italia e Francia e para nós é a lingua da liberdade. Cando estaba na escola odiaba o inglés porque era sinónimo de Ronald Reagan; cando comecei a xirar cos The Chieftains collinlle cariño e deime de conta de que tiña unha visión parcial e política que non era xusta. O alemán estou a aprendelo pero paréceme moi difícil.
Supoño que no Brasil o galego sería fundamental para comunicarse...
No Brasil descobres o poderío enorme que ten o galego. Insisto en que non son lingüista pero descubrín que o brasileiro é máis semellante ao galego que ao portugués, enténdese mellor. No Brasil gardan moitas cousas do galego antigo, das cantigas de amigo, do mundo dos trobadores e poesía galaico-portuguesa, que se perderon por influencia do castelán. Non viría mal facer un pouco de esforzo na escola e, do mesmo xeito que aprendes a gramática galega oficial, aprender o portugués. Se son tres ou catro cousas! Por ese pouquiño máis de traballo podes chegar a máis de 200 millóns de falantes. Unha vez Jordi Pujol díxome que o problema do galego era que estaba demasiado castelanizado e non o entendín, pero agora captei a mensaxe deste catalán que se daba conta das posibilidades do noso idioma. O Brasil é unha Galiza do futuro, unha Galiza mestiza que xa superou ese problema que ten Europa que é a inmigración forte. O Brasil está de volta de todo iso.
En que lingua fala a gaita?
Buf!! Descoñecida. Para a nosa sorpresa é posíbel que fale indio ou chinés se non ven de alí. O que estamos a vivir agora lémbrame a 'Guerra das Gaitas'. Co instrumento tentouse normativizar a linguaxe de gaita, buscar unhas regras para estandarizar o mundo das bandas. Pero, dese xeito, pérdese toda esa riqueza, toques de cada bisbarra, xeitos e familias... Esa estandarización foi moi criticada. E na lingua dáste conta de que o galego que aprendes na escola non é como os diferentes galegos que se falan en distintos sitios, que teñen esa riqueza, esa cousa... A normativización é necesaria, pero hai algo que falla, e tamén hai algo que falla no xeito de comunicala. Se cadra é máis importante que a xente teña esa percepción de que o galego lle vai abrir portas no mundo, de que podes entenderte con 200 millóns de persoas porque, como di Caetano Veloso, 'é unha lingua superior para cantar e para a poesía'.
Ten asegurados os seus dedos?
Paréceme unha ridiculez. Non teño alma de futbolista.
Exercítaos dalgunha maneira?
Hai dous sistemas: o músico obsesionado que fai escalas dez horas ao día, e o que, coma min, en ocasións procura esquecer a gaita e desconectar porque despois, cando volves a collela nas mans redescobres sensacións.
Cal é a súa relixión?
Non teño.
Seu pai foi comunista, viviu no exilio... O comunismo segue vivo na súa vida?
Tiven unha educación dun pai comunista con moita disciplina e con esa idea de tentar mellorar día a día. Ese espírito de autosuperación vénme da escola da educación comunista.
Ten algún lema ou frase?
Ultimamente encántame a de Leite de Vasconcelos: “Os artistas descobren cousas que os científicos averiguan a base de fatigante labor cerebral.”
Descargar Tarifas