PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
BLOG ALBERTE MONTES
Alberte
Montes
Actor
Puro teatro!
Urtain
No anterior post falaba de televisión, de series e do dano que estas están facendo na sociedade. Nesta ocasión, e con tal de equilibrar a balanza, quérovos falar do meu último achado teatral, unha xoia, unha verdadeira obra de arte levaba aos escenarios pola compañía madrileña Animalario. Estou a falar de Urtain, a súa derradeira montaxe, escrita por Juan Cavestany e dirixida por Andrés Lima.
 19.11.2009 | 07:17

Urtain Urtain. Valentín Álvarez

O sábado pasado achegueime ao Teatre Romea para gozar da función. Case á desesperada, con esa sensación de "Ou vou hoxe, ou non vou". Botaron en Barcelona algo máis de mes e medio, o domingo 22 pechan o telón na cidade condal. Ao saír, despois dunha hora e 50 minutos de forza, intensidade e xenerosidade, pensei no moito que me ía arrepentir se se me chegar a pasar a ocasión. Ademais das moi boas críticas que o espectáculo estaba a recibir, sumábase unha persoal admiración polo traballo da compañía.

Vouvos contar unha intimidade... non é para tanto, eh! É unha parvada. Con esta obra, pasoume algo que me acontece con esas cousas que me atrapan, que me posuén, que me gustan tanto que me dá pena que rematen. Supoño que algúns, sensíbeis, compartiredes esta sensación. Acontéceme moito con libros, que estou a ler e me fode rematalos, porque aínda que os redescubra nunha próxima relectura, xa non é o mesmo. Con Urtain tiven esa mesma sensación, ao seu remate non puiden evitar un "Tchs! Mecagoental" de resignación. Logo reflexionei sobre o que acababa de ver e sentinme privilexiado e orgulloso do teatro, de que existan obras coma esta e de que de algún xeito eu forme parte del.

Afondando un pouco na obra, podo contarvos, que é un "conto" amargo aínda que con momentos de destensión. Para mostra unha anécdota: Nun momento da obra, soa unha canción, que coincide ademáis co ton do meu móbil. Vaia susto! De primeiras pensei "Que parvo! Deixei o móbil encendido, verás agora..." Tranquilo quedei despois de comprobar que formaba parte de banda sonora da obra. Momento xenial, por certo. Trátase, iso si, dunha historia gris sobre o declive, e unha vez máis, como nos ten acostumados Animalario, unha historia valente, atrevida, conmovedora e que mira directamente aos ollos do espectador. Mira, con tal de entrar dentro de cada un, e deixar nel o pouso da reflexión, da crítica. Cun ritmo trepidante, a obra narra en conta atrás a vida de Urtain, mítico boxeador que viviu os seus anos de esplendor a principios dos 70, para máis tarde caer no abandono, dando por pechado o pano da súa vida no 1992, suicidándose ao tirarse dende un décimo piso. A través deste personaxe, Animalario fai un ecléctico traballo de crítica e crónica deses tempos, da sociedade española neses anos de cambios, nos que un rapaz chegado dunha aldea de Euskadi se converteu no personaxe máis popular do país. Impresionante todo o reparto (Roberto Álamo, Marc Martínez, Luis Bermejo, Victor Masan, María Morales, Alfonso Lara, Estefanía de los Santos e Luz Valdenebro), conseguen manter unha intensidade e ritmo brillantes. Gusto, particularmente desa intención que teñen de "xogar" co público, por facelos partícipes. O espectador é un máis neste "combate" dende que entra pola porta de platea, Hai que destacar, como non, o seu protagonista, o Urtain interpretado por Roberto Álamo. A parte dun cambio físico espectacular (froito de máis de ano e medio de ximnasio) o actor transfórmase dun xeito tan brutal coma sensíbel no boxeador vasco. A fala, os xestos, a impotencia... Sen dúbida é o traballo de personaxe máis impactante que vin sobre un escenario. Unha lección.

Pasaron por Galiza, e non sei se voltarán, con este espectáculo a pisar terras galegas. Sexa onde sexa, non deixen pasar a oportunidade de vela.

Ah! Esquecía, esa mesma tarde de teatro, ao saír, achegueime ao Centro Galego de Barcelona, alí o Presidente da Xunta, o meu tocaio Alberte Núñez Feixóo protagonizaba unha reunión-coloquio con representantes das entidades galegas en Catalunya. Fun para compensar, primeiro unha dose de cultura e seguidamente unha de... Destacarei unha frase, que resume máis que ben o acontecido nesa xuntanza. Pronunciada por un compañeiro que alí atopei. A cousa foi así:

Eu: Que! Está por aquí o Feijoo, non?

El: Bufff. que putada!

Outra cousa a destacar non hai... ben, si! O albariño e a empanada, boísmos. Aí o deixo

 

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río