PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
BLOG ANA MIRANDA
Ana
Miranda
Política
Aminatou, non estás soa
Aminatou Haidar é unha activista saharauí retida no aeroporto de Lanzarote. Esta é a súa historia.
 18.11.2009 | 17:50

Aminatou Haidar Aminatou Haidar

Onte á tarde fixen unha chamada a Lanzarote. Chamaba a unha muller excepcional, que está facendo unha folga de fame no aeroporto desa cidade, en protesta pola detención e expulsion en El Aaiún o 14 de novembro e posterior traslado, co consentimento das autoridades españolas a Lanzarote. Queria trasladarlle simplemente nosa solidariedade e apoio, e transmitirlle que estamos movendo tamén dende Galiza e Bruxelas iniciativas de presión para que poida voltar ao Sahara Occidental, como un gran de area máis na onda de apoios da socidade civil, institucións e organizacións políticas que están a denunciar esta situación, un feito máis na vulneración do cumprimento da legalidade internacional por parte de Marrrocos.  

Aminatou Haidar naceu en 1966, no Sáhara Occidental. Moi nova, comprometeuse coa causa do seu pobo, denunciando as continuas violacións contra a poboación saharauí. En 1987, foi arrestada cando participaba nunha marcha pacífica a favor do dereito de autodeterminación do pobo saharauí e posteriormente encarcerada, sen acusación nin xuízo, en centros secretos de detención, nos que estivo retida e foi torturada até o 1991. Foi novamente encarcerada en xullo de 2005 e declarada culpábel de diversos cargos, a maioría deles ligados ao feito de participar e incitar a protestas de denuncia. Foi liberada transcorridos sete meses grazas tamén ás presións internacionais. Esta activista saharauí voltaba dunha viaxe por diversos lugares do mundo. O seu valor na defensa do seu pobo foi recoñecido moitas veces (Robert F. Kennedy Human Rights Award en 2008, o Silver Rose Award en 2007, o Premio Dereitos Humanos Juan Maria Bandrés 2006; nominada polo Parlamento Europeo ao Premio de Derechos Humanos Andrej Sakarov e ao Premio Nobel da Paz).

Procedente dos Estados Unidos, Aminetou Haidar voltara desta viaxe, onde denunciara, unha vez más, a represión que as autoridades marroquís empregan nos territorios do Sáhara Occidental, realizando un chamamento internacional urxente para a inmediata e incondicional liberación de sete militantes saharauis, membros de diferentes organizacións defensoras dos dereitos humanos e asociaciones da sociedade civil, detidos o 8 de outubro pasado. Militantes, que dende hai anos recollen información relacionada coas violacións dos dereitos humanos e que deberon respostar perante un Tribunal Militar de múltiplas acusacións, como a de  atentar contra a seguranza interior e exterior do Estado alauíta e contra a integridade territorial do  Reino, coa ameaza de ser condeados a condena de morte. Non soportou Marrocos e na onda de represión dos últimos meses, negoulle a entrada a El Aaiún, requisando pasaporte e pertenzas, reténdoa no aeroporto e logo enviándoo nun voo a Lanzarote, co consentimento das autoridades do Estado receptor, afirmando que "renunciaba ao seu pasaporte". Este acto é unha "flagrante violación" do dereito humanitario internacional e esixe unha intervención urxente da comunidade internacional para que os dereitos de expresión e libre circulación desta activista saharauí sexan restituídos.
Aminatou leva xa tres días de folga de fama no aeroporto de Lanzarote, tomando auga e azucre, feble pois seu estado de saúde previo non era xa moi bon. Cada noite, coa atenta ollada dos medios de comunicación, algúns xa acosados, é desaloxada pola Garda Civil e mesmo onte AENA denunciouna por "ocupar ilegalmente instalacións aeroportuarias", o que provoca que deba durmir no exterior do aeroporto. O goberno español e o seu Ministerio de Exteriores, estes dias máis preocupado pola candidatura de Miguel Ángel Moratinos a ser o candidato a ser responsábel de Política Exterior da UE, consente cos seus amigos marroquis a aceptar este tipo de violacións impresentábeis e préstase a este xogo opaco de falla de responsabilidade política nos dereitos do pobo saharauí e o cumprimento da legalidade internacional que mesmo, en temas como o de pesca pon en dúbida a usurpación de recursos que fai Marrocos dos recursos pesqueiros, un tema que por certo está á análise no Parlamento Europeo e ao que lle vou adicar outro post.

Onte falei cos delegados da Frente Polisario en Galiza e na Unión Europea que pedian a nosa axuda e colaboración na denuncia deste feito. Asi, apresentamos unha iniciativa dirixida ao Consello a través da presidenta do Intergrupo Sáhara Occidental, a nacionalista galesa Jill Evans e estamos tratando de que se discuta unha resolución a semana que vén no Plenario de Estrasburgo, resolución de condena que o PSOE non está disposto a apoiar, por certo.

Vina tres veces aquí en Bruxelas en diferentes reunións, incisiva, forte na palabra e feble no físico, contundente e doce. Aminatou é un símbolo para o pobo saharauí, para as mulleres saharauís e as mulleres todas. Por iso, dende aquí, tampouco podemos ficar calados e realizar iniciativas, porque calar implica consentir. Agora tócalle resistir, mentres recibe moitas chamadas de todo o mundo porque Aminatou non está soa. Pero falta a chamada que permita a volta cos seus, a do Ministerio de Exteriores español, que está a demostrar falla de tacto, de respecto e unha arbitrariedade insolidaria.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río