Redacción . O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística valorou a sentenza do Tribunal Supremo 'como a ratificación de que o decreto en vigor non discrimina o castelán e de que non existe o dereito a ignorar o galego'.
Para Carlos Callón, que compareceu en conferencia de prensa, o ditame da Xustiza “desmonta os postulados contra o galego no ensino que vén defendendo Alberte Núñez Feixóo desde a precampaña, cando, de forma incívica, decidiu levantar a bandeira do odio contra o noso idioma”. A Mesa lembra que o Tribunal Supremo rexeitou de forma firme a solicitude dun pai para que o seu fillo non recibise ningunha materia en lingua galega. Na sentenza, sinálase que non é discriminatorio recibir ensino tamén en galego, senón que “a discriminación se produciría precisamente no caso de que a Administración autorizase o pretendido polo recorrente”. O portavoz da Mesa pregúntase se “Alberte Núñez Feixóo vai seguir coas súas mentiras ou vai escoitar a sociedade, as comunidades educativas e os tribunais”. “A sociedade galega merece un presidente que escoite”, conclúe.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.
Descargar Tarifas