Redacción . Os portavoces do BNG en materia de Lingua e de Ensino, Bieito Lobeira e Carme Adán, aseguran que o fallo do Tribunal Supremo 'desmonta as mentiras do Partido Popular e dos grupos extremistas aos que apoia, como Galicia Bilingüe, sobre a imposición do galego, e reafirma o dereito dos nenos e nenas e aprenderen galego'.
Carme Adán, deputada do BNG.
Para o portavoz do Grupo Parlamentar en Materia de Lingua, Bieito Lobeira, “a sentenza é clara e demoledora: os pais non teñen dereito a que os seus fillos sexan ignorantes en lingua galega, e prima o dereito dos nenos e nenas a poder aprender galego”.
Pola súa parte, Carme Adán salienta que “o fallo recoñece o papel da Xunta de Galiza na educación, e isto demostra o sen sentido da consulta da Consellaría de Educación ás familias”.
Piden a reflexión do BNG
“Demóstrase que o actual decreto do galego no ensino non discrimina para nada o castelán e, o que é mais importante, que a discriminación si se produciría no caso de que a Xunta de Galiza autorizase o que pretendía a que defende Galicia Bilingüe, e que tamén insinuou o propio conselleiro de Educación”, engadiu Adán.
Os deputados do BNG consideran que o fallo do Tribunal Supremo “debe facer reflexionar ao Goberno do PP para que se manteña no consenso acadado no PXNL e pensarse mellor en dar cobertura a grupos extremistas como Galicia Bilingüe que o que pretenden é eliminar o galego do sistema educativo”.
Descargar Tarifas