Europa Press . O deputado autonómico e portavoz de Lingua do PSdeG no Parlamento galego, Francisco Cerviño, apoia o fallo do Tribunal Supremo que rexeita o recurso dun pai que reclamaba que o seu fillo recibise as clases integramente en castelán e asegura que os xuíces 'acertan' ao argumentar que nin neste tema 'nin en nada hai liberdade absoluta'.
Cerviño sostén que é "tecnicamente inviábel esa suposta liberdade de elección" no canto ao idioma no que se reciben as clases xa que para iso "tería que haber profesores que explicasen todo en galego ou todo en castelán". Ademais, insiste en que o "obxectivo" dos poderes públicos "nun país con dúas linguas" debe ser "garantir que todos os nenos ao finalizar a Educación Secundaria Obrigatoria teñan competencia nas dúas linguas". Cerviño amósase convencido de que o "único xeito" de conseguir este obxectivo "é que estuden parte en castelán e en galego" e insiste, ademais, en que son os poderes públicos "os que deciden como se socializa os cidadáns, non os pais". Por iso, considera que o Estado non debe deixar o currículo escolar "nas mans de ninguén e tampouco dos pais", apunta, e subliña que "non son donos dos seus fillos". O deputado autonómico considera que, de aceptarse a posibilidade de que elixan o idioma no que estudan os seus fillos, "os pais poderían dicir que non entenden que os seus fillos estuden a teoría de Darwin polas súas crenzas", e avoga "por deixar á beira as cuestións ideolóxicas" neste tipo de debates.
Francisco Cerviño, portavoz de Lingua do Grupo parlamentario socialista.
Descargar Tarifas